Opinión

Liña de base

Cando escribín Bárbaras!, ese libro sobre a menstruación que se dirixe a un público amplo, unha das cousas que máis critiquei foi unha certa tendencia a mensaxes sobre os “coidados” que se nos envían ás mulleres en forma de tratamentos, masaxes, curas e detox. Toda esa falacia neoliberal de ciclos da lúa e chocolate ten moi pouco que ver coa diversidade dos corpos e a radicalidade dos coidados. Estes empezan sempre por entendernos como seres en conexión coas condicións de vida material e ecolóxica lindeiras. Quero dicir con isto que está moi ben poñer énfase na importancia do ciclo do sono (que regula o estado de ánimo, a memoria e, en xeral, axuda a ter unha boa saúde mental), do exercicio (que, ao contrario do que se nos vende, non ten que ver con adelgazar, senón con experimentar cos corpos e darlles espazo ás mentes para desconectar) e da alimentación (que, para que sexa sa ten que estar tamén producida en condicións de respecto a diferentes dereitos), mais sen esquecer as condicións de precariedade na que moitas persoas viven. Tamén, sen esquecer como para persoas que teñen sensibilidade a ruídos, luz, aglomeracións e substancias, o coidado resulta case imposible polo xeito en que se constrúen as nosas sociedades. En resumo, para moitas, o coidado básico é un luxo que non se lles permite.

E non se lles permite porque, basicamente, unha gran masa social fica eternamente seducida por un “estilo de vida”, que é o sinónimo capitalista da sedución do consumo: beber, saír, “a festa”... son xa actividades que se nos presentan imposibles sen consumir. O espazo público, como demostra o exemplo atroz do “Nadal de Vigo” acaba sendo un lugar de malestar, de consumo para quen ten cartos e de exclusión e enfermidade para moitas. Mesmo aquelas persoas que “gustan” do extremo de luces e cores non deixan de verse afectadas, mal que lles pese, polo estrés lumínico e de ruído.

O dereito ao descanso e á tranquilidade é algo que custa moito traballo adquirir e polo que cómpre pelexar cada día. Que cousas tan básicas custen tanto traballo dá moito que pensar e un impulso intenso de dinamitar as estruturas poñendo ollo en non reproducilas unha mesma.

Porque logo nos laiamos de mala saúde física e mental, de dores e problemas que serían tan sinxelos de resolver como redefinir o coidado como a liña de base e non coma un luxo e “a festa” como un espazo de gozo e non de suplicio propio e alleo.

Comentarios