Opinión

As leccións de cada día

Este ano que remata foi o derradeiro que puiden pasar con miña mai. Unha dor tan intensa abre tamén un espazo de reflexión para o cal se precisa tempo e, moitas veces, silencio. Máis que as fins de ano e os propósitos de aninovo son estas situacións as que adoitan sacar as persoas da rutina, mesmo aquelas que carecemos dela e non temos necesidade de que nos recorden a fugacidade da vida e a importancia das leccións de cada día.

As mensaxes comerciais destes días, as películas de rigor, as frases manidas, semellan partir desta mesma idea, se cadra polo inverno e os seus días curtos, para perderse totalmente polo camiño. As convencións acaban sendo unha campá oca na que no canto de atoparse, o realmente importante desaparece. Por sorte, se a vida me agasallou con algo foi cunha mai radicalmente anticonvencional. Para nós o Nadal era só un tempo para estarmos xuntas, comer e, cando o meu traballo o permitía, descansar. Tamén era tempo de agasallos, non tanto pola relevancia material, senón polo feito de amosar afecto e atención. No meu caso, préstame facer eu mesma os agasallos ou aproveitar este tempo para agradecer toda a xenerosidade e o cariño das persoas que me rodearon, pois se algo aprendín da miña mai anticonvencional foi que o afecto, se non se expresa, vale de ben pouco. A expresión, por suposto, pode tomar moitas formas, non só aquelas que veñen en paquetes e custan cartos.

A outra cara deste relato de tradicións creadas con esforzo é o de negarse a divertirse por obriga, a facer propósitos de aninovo e a aturar xente coa que non se quere convivir. Estes días haberá moitas persoas que se verán na obriga de pasar tempo con homes que acosan mulleres, que as insultan ou agriden, con “familias” (mafiosas, que diría meu irmán) que non aceptan quen son, que ridiculizan, que causan dor, silencio e armarios. Se hai unha lección importante do día a día que lembrar nestes momentos é a de non sentirnos na obriga de convivir con quen non queremos. E sei que isto é máis fácil dicilo que facelo, pero por algún sitio hai que comezar: polo coidado propio.

Porque ao final, as avaliacións e os propósitos teñen que ser os mesmos día a día: tratar ben as persoas, expresar o que se pensa e sente de forma clara e afectuosa, marcar os límites de a quen queremos dentro e fóra dos nosos espazos privados. Valorar a quen o merece, arredar a quen fixo méritos. Agora e o resto do ano.

Comentarios