Opinión

Intoxicación

Con frecuencia escoitamos falar dos medios de comunicación como un cuarto poder, mesmo nun momento onde parece que calquera pode erixirse en fonte de información. Estes, a diferenza doutros espazos, marcan a axenda da opinión pública que, por suposto, non é propia nin autónoma, senón que vén ditaminada pola súa interacción con outros poderes e coas ideas que teñen de facer o seu propio traballo.

Estes días non se pode abrir un xornal, acender unha tele ou a radio sen que o primeiro do que se fale sexa a guerra na Ucraína. Pensariamos que isto é lóxico, pois a situación da poboación e as implicacións políticas son feitos atroces que se deben comunicar para mover os acontecementos e a cidadanía. Agora ben, unha non pode evitar preguntarse cantas veces abriron os informativos e os xornais guerras noutros lugares, cantas veces nos impulsaron a movernos contra as guerras iniciadas polos estados occidentais en tantos lugares do mundo, cantas a reflexionar sobre a desestabilización que Europa e os Estados Unidos provocaron en rexións completas como Oriente Medio ou esferas enormes de África oriental e occidental ou en Asia.

Denunciar as hipocrisías de acoller persoas refuxiadas ucraínas e pechar as portas ás sirias, libanesas ou afgás non é defender a invasión rusa. Precisamente é o antagónico. É impulsarnos a pensar que este sufrimento non é único no mundo e que a dor coa que estes días nos intoxican por todas as vías debe levarnos a facer preguntas e a sentir solidariedade alén das fronteiras europeas e dos rostros brancos. Debe levarnos a ler, a interrogar, a coñecer polas súas propias voces as situacións dos países, poboacións e sobre todo das mulleres que colectivamente se mobilizan para crear redes que se tecen pola paz en todos os territorios ocupados e agredidos do mundo. Para que isto aconteza, claro está, cómpre ampliar o foco e profundar. Cómpre que os medios, no canto de mandar correspondentes foráneos a toda hora, impliquen xornalistas, expertas e poboacións locais que poidan falar nas súas linguas e dende as súas propias realidades. Porque debemos entender que o cambio non se produce só na urxencia de enviar axuda ou acoller, prodúcese cando nós, as occidentais brancas deixamos de ver as outras dende a superioridade e deixamos de tolerar o trato que os nosos gobernos e empresas dan ás nosas outras. E para iso cómpre unha intoxicación totalmente diferente á actual.

Comentarios