Opinión

Insultos

Na denuncia que unha compañeira racializada facía nestes últimos días sobre o trato recibido nun festival, debo admitir que houbo poucas cousas que me sorprenderon. Por desgraza, os mesmos patróns de comportamento repítense unha e outra vez. É por iso polo que falamos do racismo como algo sistémico (e sistemático), porque non consiste unicamente en feitos illados, senón na súa repetición. Un deses feitos repetitivos dáse cando precisamente se denuncia o marco dende o cal se realizan certos comentarios ou actuacións. Facerlle certas “bromas” a unha muller racializada (como dicirlle que se está no seu posto para “ler as cartas” e non como o resto de participantes da feira para vender os seus produtos e creacións artísticas) ou tratar traballadoras migrantes e racializadas pola súa nacionalidade, presumir delas coma se fosen unha posesión... non son só cuestións de “mal gusto”, están nun marco que reafirman e que reafirma estas condutas. Aínda por riba, cando se sinalan os comportamentos a reacción, no canto de reflexionar, desculparse ou aprender, adoita ser poñela a ela e a quen a apoia de esaxerada, tola ou vitimista.

Porque seguimos na leria, como pasa con outras formas de violencia sistémica, de pensar que o racismo ou o machismo son as violencias físicas ou os insultos. Mais o racismo son as estruturas. E estas estruturas son invisibles para quen as produce e unha lousa insondable para quen as padece. Por suposto que hai malleiras e insultos; feitos graves e intolerables, mais o problema está en que se sustentan e en quen os sustenta pensando que o tema non vai con elxs. A focalización única en certos tipos de violencia invisibiliza o resto de actos pequenos a través dos cales actuamos sobre as nosas outras.

Nese marco, cada vez que as persoas que construímos esas estruturas para o noso beneficio (é dicir, todas as persoas brancas de forma consciente ou inconsciente) dámos a volta ao relato e sinalamos como insulto que se nos faga ver que estamos sendo racistas (ou machistas, ou les/trans/homófobxs) estamos poñendo un alicerce máis na discriminación. Semella que ao final, o problema é dicirlle a alguén que é racista, non o feito de que o sexa. Ignoro dende cando chamarlles ás cousas polo seu nome é un insulto, ignoro dende cando está ben confundir privilexio con dereitos. O único que ao final se me ocorre contestar a estas persoas é, como dicía o poeta, que o insulto es ti.

Comentarios