luns 19/04/21

Insuficientes

Este podería ser sen problema o título dunha columna sobre as mulleres ás que se dedicou o Día das Letras Galegas atendendo a un criterio numérico. Mais non quero afondar xa no evidente, por moita falla que siga facendo, senón entrar a analizar que acontece cando a unha muller lle toca a lotaría de recibir a homenaxe oficial. Semella que aí a insuficiencia se traslada á propia homenaxeada. O primeiro mecanismo que se usa neste estraño proceso é o de facer constar que precisamos un pai, un amante, un marido, un mentor, resumidamente, un HOME que dea certa entidade ao que fixemos. Só así se entenden as desafortunadas declaracións do Presidente da RAG sobre o nomeamento de Xela Arias, primeiro sacando un artigo de gabanza ao pai desta e logo apoñéndolle o alcume de filla “xeracional” de Carbalho Calero. Persoalmente, nunca tal vin cos homes. Nunca vin que se lles apuxese seren fillos doutros autores, moito menos que se amentasen familiares (en moitos casos mulleres con suficientes méritos para teren elas protagonismo) cando se lles dedicou a honra das Letras. Isto sen ter en conta os perigos que con frecuencia a propiedade familiar dos homes fai coa memoria das mulleres (ou non lembramos o que pasou co legado de Rosalía de Castro en mans de Manuel?).

Todo isto non é novo, xa tivemos que padecer a ignominia de María Mariño e engadimos un elemento de gravidade, como o feito de anunciarse o ano de Arias en decembro, como denunciou o Director Xeral de Edicións Xerais recentemente. Isto resta tempo de preparación, de estudo, de atención á súa figura. Empezamos mal.

Por fortuna, nin Arias nin as demais están soas. A súa figura foi celebrada pola Sega no 2019 e daquelas moitas mulleres produciron pensamento, accións poéticas e celebracións ao redor do traballo da compañeira. Oxalá que aquelas que traballaron de balde agora traballen remuneradamente nos actos que se desenvolvan ao redor do facer múltiple de Arias. Oxalá sexan as voces precisas, aquelas ás que non lles cómpre atoparlles padriños ás autoras (e na Academia hai agora xa algunhas máis que capacitadas para erguer a voz).

Porque, péselle a quen lle pese, a Xela Arias rodeámola unha bandada de intemperiadas, persoas dispostas a abrir as ás e deter de raíz este discurso rancio e impropio. Intemperiadas dispostas a incomodar e a poñer e rachar os límites. Para deixar claro que as insuficientes non somos nin ela nin nós.

comentarios