Opinión

Inimigas do estado

Todo comeza sempre no pequeno, no próximo. Dende que somos nenas, os xuízos perseguen as mulleres a cada paso: o noso aspecto, a nosa fala, o que facemos e o que non facemos. Socialmente aprendemos a ver as mulleres mediante unha lente distorsionada: somos as mentireiras, as manipuladoras, as que laiamos e "imos de vítimas" cando reclamamos algún dereito. Este tipo de representación que perpetúan a literatura, o cinema e os medios ten consecuencias materiais.

As mulleres que denuncian as súas parellas pederastas saben ben como a xustiza as deixa de tolas. Tamén as que denuncian malos tratos, coa habitual estratexia da contradenuncia. Por desgraza, este comportamento non é patrimonio (nunca mellor dito) das nosas sociedades. Igualmente noutros lugares as mulleres que poñen o corpo para protexer a outras padecen todo tipo de procesos xudiciais, públicos e privados. Estes días penso en Ma. Salome "Sally" Ujano, a activista filipina a favor das mulleres e da infancia que foi detida en novembro en Malalos por cargos de rebelión que se lle apuñan dende 2006. As autoridades do (des)goberno pretenden facer crer que esta muller de 64 anos, que leva case toda a súa vida adulta no espazo público, pertence secretamente a un grupo terrorista e que mesmo participou nunha emboscada ao exército en 2005.

As compañeiras feministas lanzaron unha campaña (que animo dende aquí a apoiar) argumentando de primeiras que Ujano non é "inimiga do estado". E abofé, esta activista de saúde fráxil e vontade férrea non é unha terrorista, mais si atenta contra o estado pederasta e criminal no seu traballo intensivo contra a trata de mulleres e menores. Todas debemos ser inimigas dos estados que permiten que, mentres ela padece na cadea, os pederastas brancos sigan paseando polas Filipinas con total impunidade, mercando nenas e mulleres. Inimigas dos estados que xulgan seguido as mulleres, afianzados coa argamasa sólida do patriarcado dende os fogares ata os tribunais.

Así, mentres nos mobilizamos para que se faga xustiza a Ujano ao berro de Katarungan para kay Sally! Palayain si Sally!, cómpre que volvamos ás raíces, e nos ergamos contra o estado e contra os estados, sen ficar caladas, tomando a palabra pública e privada mesmo cando pensamos que non ha valer de moito. Cómprenos porque, se non o facemos, outros intervirán para que o estado e os estados sigan intactos e impunes poñendo cadeas e freos.

Comentarios