Opinión

Iluminadas

Dende que no ano 1994 viaxei por primeira vez ao sur da India traballar en temas de cooperación ao desenvolvemento, fíxose bastante común que persoas diversas me falasen das súas viaxes ao país. Daría isto para moito, pero vou centrar hoxe a reflexión nun fenómeno que dende sempre me deixou pampa: a iluminación. De toda a miríade de reaccións que unha viaxe ou varias ao país asiático produce, esta foi a que sempre máis me abraiou. Xente que de repente descubría que no mundo había pobreza. Que volvía para a casa traumada por verse exposta a unha realidade que, polo que se ve, é moito mellor meter debaixo da alfombra, deixar nas fotos exóticas que non obrigan a mirar o que facemos cada día. No centro dese relato, sempre a persoa occidental. A miña reacción: “para iso éralles mellor ir iluminadas da casa!”.

Penso nisto estes días ao fío da “solidariedade” que se supón que nos vai traer a pandemia, prendida nunha sucesión de imaxes lacrimóxenas. Non hai nada máis politicamente desactivante ca iso. De feito, se o capitalismo se está rearmando para o despois da pandemia intúo que é por este lado.

Calquera solidariedade que non parta dunha visión crítica de quen somos, vai por mal camiño. Para empezar, denominar crise ou pandemia a algo que afecta os países desenvolvidos (porque mentres pasaba na China pouco nos importaba) e esquecer que máis de 700 millóns de persoas viven en pobreza extrema ponnos na posición que ocupamos recorrentemente: a de pensar que só é importante o que nos afecta a nós.

Se cadra debemos comezar por pensar que se a nosa solidariedade se estende só á nosa veciña, a aquelas persoas que consideramos iguais a nós, se cadra non somos tan solidarias como pensabamos. Que se teñen que morrer vinte e mil persoas para entender que cómpre defender colectivamente os servizos públicos, a redistribución da riqueza, a xustiza social, entón ao mellor o que nos pasa é o mesmo que ás persoas que foron á India e volveron iluminadas por ver xente pobre. Que, ao cabo dos días, o único que quedará é o relato no que todo fica como estaba: unhas no centro e o resto nas marxes.

Por iso cómpre menos iluminación e máis análise das causas estruturais das crises verdadeiras, das pandemias, das desigualdades, centrándonos en ver cada unha como as perpetuamos cada día e que pasos podemos dar para deixar de facelo. Mentres outras se iluminan, eu prefiro seguir ocupada en sachar niso.

Comentarios