Opinión

Galegofobia e máis alá

Que a representación das galegas e galegos dentro do Estado español é problemática non é algo que sorprenda a ningunha persoa das que vivimos diariamente as consecuencias desa tal representación. Lembro hai xa anos nun congreso de mulleres en Madrid como dúas señoras me increparon porque sinalei que en todo o congreso só se representara o flamenco e non, por exemplo, a creación colectiva das mulleres galegas, rebeldes e retranqueiras. Por unha banda, parecíalles mal que deixase en evidencia ante persoas estranxeiras a imaxe de "España" que tanto gusta vender, pola outra indicaban que era normal que eu asistise a un congreso coma aquel porque en Galicia, ben se sabe, estabamos moi atrasadas. A súa reacción non facía máis que confirmar a representación que dende o centralismo español se realiza de calquera cousa que saia do estándar da "españolidade".

Hai unhas semanas, Brigitte Vasallo escribía sobre galegofobia interiorizada e conectaba cun vídeo de Carne Cruda que criticaba pola representación que nel se facía dxs galegxs no contexto do seu argumento. Insisto, a ningunha persoa que se mova no mundo cultural e de pensamento galego sorprenden nin resultan problemáticas as palabras de Vasallo, se tal expanden as reflexións xa existentes coa súa visión txarnega.

Se cadra por isto chama tanto a atención que o director do programa se dignase en manifestarse sobre o artigo, cando nunca atención ningunha prestou aos traballos de Beatriz Busto Miramontes, Pilar García Negro ou o mesmo Beiras ao respecto, por mencionar só tres nomes. Aínda por riba, o comentario consistiu en xustificar o contido porque estaba feito por unha galega, ademais de dar conta das orixes das persoas que constitúen o equipo, coma se iso fose proba de ningún espírito crítico inherente.

Así, por se quedaba dúbida sobre o argumento de Vasallo, este comportamento e explicación deixan aínda máis de manifesto a base do que se criticaba. A galegofobia fica evidente polo mero feito de, seguindo o que ben explica Gayatri Spivak, o poder só considerar a crítica, mesmo para indignarse, cando provén de alguén que ten capital social suficiente, polo menos en certos círculos, (tamén) fóra de Galicia. Se cadra o único que cumpría neste caso era tan sinxelo como recoñecer que a crítica é lícita e tentar mitigar o feito: sen ir máis lonxe, cun programa sobre galegofobia con diversas persoas estudosas da materia.

Comentarios