Opinión

Falar e facer

As mulleres, todas, fomos socializadas para xirar ao redor do universo masculino: eles, os eternos referentes. Por moito que as categorías, a de "mulleres" de xeito sobranceiro, evolucionen, a estrutura de poder de xénero como eixo segue dando os mesmos resultados. O masculino no centro, nosoutrxs nas marxes.

Así, o primeiro paso nos feminismos é deixar de vernos (colectivamente) como menos relevantes. Dende Rosalía de Castro, as autoras feministas dinamitamos a idea dun suposto canon, buscamos as nosas iguais, tendemos as mans as unhas ás outras, pagando con frecuencia o prezo de non seguir os ditames implícitos e explícitos das estruturas patriarcais. O noso é crear discurso e acción, porque, como sempre digo, falar está ben; facer está mellor. Dende estas bases naceu A Sega.

Levamos xa nove anos celebrando compañeiras singulares, porque as nosas voces non poden domearse nin unificarse. Este ano tocoulle a Luísa Villalta, unha autora da que poucos libros se atopan xa, que a RAG segue sen homenaxear e á que, de cando en vez, aparecen voces que a reclaman. Falar está ben, facer está mellor.

O problema de facer, ao contrario de falar, é que implica un esforzo colectivo grande. Facer vai alá de declaracións baleiras ou de colectivos que, por moito que usen o feminino "xenérico", non saen das claves de interpretación do mundo masculinas. Facer consiste en ler, en coñecer, en reflexionar, en traballar a obra dunha autora dende as nosas bases. Implica a re-unión, e iso é un traballo en rede social que ten pouco que ver coas redes sociais (o paradigma de moito falar, pouco facer) pois é afecto, demora, diálogo, coidado. Iso fixemos este luns día 15 tras horas de preparación, trámites, chamadas... de todas, encabezadas por Beatriz Maceda que, con Eli Ríos, como coruñesas desta volta, foron a quen máis lles tocou sachar. Mais a homenaxe é resultado do esforzo de absolutamente todas: dende o roteiro imaxinario de Susana Sánchez Aríns, á lectura do noso manifesto por parte de Andrea Nunes pasando pola xestión do micro aberto e a presentación de artistas por parte de Nuria Vil e Ánxela Lema ata as que levaron a comunicación como Andrea Barreira, as que nos dan a memoria e os azos como Marga do Val, e as que estiveron mesmo cando non podían como Antía Marante ou Paula Bouzas. Todas, con quen se achegou, a traballar con Villalta. A falar e sobre todo a facer dende os feminismos cada día.

Comentarios