Opinión

Falar do tempo

Falar do tempo semella ser sinónimo de algo trivial. En Galicia dominamos a arte de comentar o obvio (seica chove!) para, en realidade, avaliar a situación ou a persoa. Se cadra esa aprendizaxe profunda que se nos inculca é un dos valores cos que a perda da transmisión interxeracional da lingua arrasa, e con ela ferramentas para entender que o trivial é sempre transcendente. O tempo vaise convertendo nunha ameaza que chega imparable ás nosas vidas despois de arrasar xa as de millóns de persoas. Falar de “refuxiadas do cambio climático” como un futurible resulta totalmente irrisorio. As comunidades do Sur levan padecendo o incremento de temperaturas, secas, inundacións e fenómenos climáticos extremos décadas sen que os nosos cómodos cus se inmutasen o máis mínimo.

Porque o tempo, aínda que non o pareza, non é algo aleatorio. O cambio climático provocámolo as persoas, en particular as dos países “desenvolvidos”. É tempo de deixar de maquillar cousas, de facer o “lavado verde”, para reorganizar a sociedade dende as súas bases, promovendo un transporte público de calidade e pouco contaminante (as que non temos coche sabemos que isto en Galicia é simplemente unha broma de mal gusto), reducindo o consumo eléctrico no canto de facer pagar a parte máis feble da cadea, eliminando os plásticos de xeito radical e non para introducir outras variantes máis contaminantes ou menos respectuosas coas produtoras, deixar de depender de cadeas de distribución afastadas que destrúen emprego e contaminan. Efectivamente, todas estas cousas son precisas e implican decisións políticas globais, mais non podemos eludir a responsabilidade individual das cousas pequenas. 

E é aí, nestes días en que a xente rosma porque quere ir á praia e fai “malo”, cando volve a min a idea de que se cadra o trivial é o máis relevante porque no fondo permite comprobar se as persoas pensan na comunidade (humana e natural) ou só no propio cu. Mentres o resto da Península Ibérica ferve, se cadra nós tempos a oportunidade breve de pensar nun cambio de rumbo: na importancia das árbores de fronde, non no cemento que tanto gusta a Abel Caballero, nin moito menos os eucaliptos que tanto negocio dan a ENCE e á Xunta. Como acabamos de ver en Alemaña, o cambio climático non entende de fronteiras nin de paisaxes ideais de anuncio de Turgalicia, só do que facemos no día a día. Porque falar do tempo está ben, actuar aínda mellor.

Comentarios