martes 07.04.2020

Exercicios

Se hai algo que me resulte insoportable son as persoas que viven instaladas no exercicio da queixa permanente. En particular, porque na miña experiencia son precisamente aquelas que viven en situacións de privilexio agudo. Estes días comprobo estupefacta como, ante unha pandemia que arrasa a vida de miles de persoas, hai xente máis preocupada por saltar as normas que por ver xeitos de colaborar coa comunidade para protexer as persoas máis indefensas. Quen busca xeitos de evitar a corentena non son mulleres maltratadas que teñen que convivir cos agresores nin menores con enfermidades mentais nin moito menos persoas sen fogar ou refuxiadas. Non, son señores preocupados por ir mirar a horta ou perder de dar unha volta na bici.

Cae de caixón que todas as persoas que lemos isto podemos pensar nalgunha outra persoa que estea nesta situación moito peor ca nós. E o exercicio é aínda máis produtivo se pensamos nas persoas que terán que enfrontarse ao coronavirus sen auga potable, corrente, sen medicamentos nin hospitais porque nós, as persoas dos países ricos, preferimos estar dando voltas polas termas da Chavasqueira ou saír todos os días ao súper.

E irei aínda máis alá: na miña experiencia no traballo coas compañeiras do sur e a cidadanía do norte, se algo me exaspera é o exercicio de usar a situación doutras para sentirnos cómodas na nosa. “Ai, pobriñas que non teñen isto e eu si”. Non, o obxectivo dese exercicio debe ser pensar por que eu teño e elas non e, sobre todo, cales son as consecuencias dos meus actos diarios noutras persoas, lonxe e preto. Se non entendemos que saír á rúa pon en perigo a outras persoas, que pedir cousas expón as compañeiras de Correos e de reparto, que a compra compulsiva obriga a traballar a quen produce a marchas forzadas... entón non sei que clase de persoa somos. Porque se algo me ensinou traballar en situacións de pobreza extrema, violencia ou catástrofe foi que só un entendemento de comunidade e xustiza colectiva supera os desafíos máis insuperables.

Defendo dende sempre que os verdadeiros cambios sociais pasan polos exercicios do día a día: polo que consumimos, comemos, polas redes de apoio que creamos. Estes días, cambiar o mundo é tan simple como ficar na casa. E aínda hai xente que bota máis tempo argumentando que poñendo o ombreiro. Que prefire, fronte ao exercicio simple de pensar en colectivo, seguir co triplo salto mortal de pensar só en si.

Exercicios
comentarios