Opinión

Excepcionalidade

Ás veces, cando unha está moi metida nun espazo, ten dificultade para detectar o excepcional do que a rodea. Iso pensaba o outro día na Gala dos Premios Follas Novas e tamén ao fío do Día das Letras Galegas. Todos os anos son estes momentos en que o sistema literario, por un motivo ou outro, laia. Sen dúbida, hai unha morea de cousas que mellorar nun evento e noutro, igual que no resto da sociedade. Algunhas destas cuestións teñen que ver coa situación tan complexa na que están a lingua e cultura galegas dende un punto de vista social e das instancias políticas (só así se entende que nunca se retransmitise a Gala do libro pola TVG); outras teñen que ver coas dinámicas de poder do propio sistema: o feito de non escoller mulleres para celebrar no Día das Letras, o trato que se lles dá unha vez que son escollidas...

Mais no medio de todo iso cómpre por veces deterse a pensar no excepcional que é o noso sistema literario en xeral e en particular o celebrar e difundir un/ha autor/a durante todo un ano (ou case). Por iso a decisión de a quen difundimos é tan transcendente.

Xela Arias personifica todo isto coma ninguén. Fixo cousas que agora nos parecen “normais”, mais que foron excepcionais: termos poetas inmensas e alianzas para que non queden reducidas a corpos bonitos, a raras, a “chicas”. Parécenos normal que se traduzan obras e debatemos cales e como. Parécenos normal que haxa libros en galego: poucos, moitos, bos, malos, regulares. Cos problemas máis graves, de feito, na falla de falantes e de lectoras. Mais libros feitos cunha cadea de produción diversa, en moitos casos de gran profesionalidade, que crea emprego para escritoras, tradutoras, correctoras, ilustradoras. Todo iso non debemos dalo por sentado. Foi un traballo duro e arduo. Feito sobre os lombos de moitas persoas, algunhas coñecidas e outras anónimas.

E nestes días pensaba no rápido que desaparecen as cousas e que as críticas son relevantes cando axudan a manter o bo e a crear o mellor. Porque temos que ser capaces de apreixar a nosa singularidade e ver o excepcionais que somos; no sentido de pouco habituais, mais tamén no sentido de especiais. Dúas cuestións que, nun mundo globalizado que xa sabemos onde leva, son máis importantes ca nunca para sobrevivir a nivel colectivo e individual. Por iso cómpre seguir traballando para que o que hoxe é complicado, mesmo imposible, sexa mañá, simplemente, “normal”.

Comentarios