Opinión

Excelencia

Un dos ataques máis frontais que provoca o capitalismo é ao das estruturas do estado. Levamos décadas de privatizacións para encher uns petos gordos e deixar outros fraquiños. O que importa é que con todo se poida negociar: cos corpos, coas vidas, cos recursos naturais. Empeorar os servizos públicos (vémolo na sanidade) para que a xente acabe recorrendo aos privados é unha estratexia estendida con consecuencias nefandas para a cidadanía.

Hai outras prácticas que teñen iguais ou peores efectos, mais que fican invisibles. Refírome ás subcontratas de servizos. Hai moito que o apoio ás persoas en situación de marxinalidade se deixou en mans de organizacións que acaban por converterse en verdadeiras controladoras de vidas alleas. Subcontratar significa que un servizo que debería ser do estado e ofrecerse cun garante universal, xusto, redistributivo e con condicións dignas para quen o recibe e condicións laborais dignas para quen o dá, acaba en mans de empresas que adoitan sacar as contratas co orzamento máis baixo. Aforrar cartos públicos está moi ben, mais facelo a costa de dar peores condicións de traballo, xa non tanto. Pois se os cartos públicos non están para que as persoas poidan ter unha vida digna, mal imos.

A cidadanía non sempre sabe que os servizos, para ir a un caso moi concreto, o das Bibliotecas Municipais da Coruña, se atopan subcontratados. A situación de impagamento de salarios e incumprimento reiterado dunhas condicións mínimas de traballo levaron á folga a unhas traballadoras dedicadas, amantes do que fan, sempre dispostas a dinamizar, participar, axudar, dar a man. En definitiva, a traballar por unha sociedade máis dinámica, crítica e xusta. Ao Concello da Coruña pódeselle encher a boca sen medo a errar dicindo que teñen un servizo de bibliotecas exemplar. Mais cómpre recoñecer que este só funciona porque externaliza parte do traballo a aquelas que poñen por enriba de todo a atención. A excelencia debe medirse antes de nada por unhas condicións de traballo dignas.

Nun país a miúdo criticado pola teima colectiva de "sacar praza", esta enténdese vendo as indignas condicións de traballo no sector privado que se fomentan, tamén, dende o público. Un emprego estable e con salarios dignos é a primeira base para a excelencia que todas as institucións deben garantir, principalmente pola vía directa mais tamén, cando chega o caso, pola indirecta e sen excepcións.

Comentarios