Opinión

Estado de conciencia aumentado

Pasar pola dor dun loito profundo ofrece a posibilidade de observar, valorar e agradecer a compaña de moitas persoas. Agradécense as mans que se tenden sen esganar, as persoas que xa estaban e seguen estando, aquelas que se manifestan máis. Estar é máis importante que dicir.

Nunha dor que por veces é aguda e outras xorda, unha non pode evitar sentir todo como un estado de conciencia aumentado. Imaxino que en termos corporais é semellante a cando me deu un cólico nefrítico na montaña etíope, durante horas e horas o único que existe é a dor, ocúpao todo. Neste caso a dor non é física pero ten a mesma presenza ineludible. Isto é algo que incomoda a algunhas persoas, que non saben que facer ou como comportarse ante alguén que sofre, que senten que os sentimentos alleos son algo pegañento e difícil. Eu, que dende sempre prefiro enzoufarme nas demais que mirar para outro lado atopo este comportamento curioso.

Fronte ás persoas que sabes que sofren contigo, hai xente mala que reaparece non se sabe moi ben por que, hai quen di e fai as cousas máis inaxeitadas (De que morreu túa mai? Que lle pasou? Estaba maliña? -a ti que che importará!-; Agora tes que ser forte -non estamos erixindo un edificio, que se saiba, nin competindo en halterofilia-). En xeral, neste momento conflúen todas as personalidades que hai na vida.

Se unha tivo a sorte de rodearse, tanto miña mai coma min, de persoas sensibles, en xeral o proceso é de fonda compaña e respecto.

Partindo da base de que o primeiro coidado é a escoita. E, tamén, que neste momento o coidado se move en moitos sentidos. Porque eu tento coidar de min mesma (por veces en silencio, outras falando, facendo deporte, tentando ler un libro) mais tamén teño que coidar doutras persoas. Coa sorte de saber que non estou soa no proceso, que na miña familia de sangue e de afectos teño tantas persoa que escoitan e están. E as outras, esas ás que lles piden tempo e non cho dan, esas que insisten en proxectar as súas ideas do que ti precisas en ti, aquelas que asumen papeis que non lles corresponden na túa vida, as que non deixan de chamar mesmo se lles dixeches repetidas veces que xa o farías ti cando atopases o momento -máis mental que relativo aos minutos- se cadra precisan reformular o que é coidar e querer. Porque se algún sentido ten esta dor é seguir aprendendo para a vida, e oxalá tamén algunhas persoas aproveiten o camiño.

Comentarios