Opinión

Espolio

Seguramente se hai algo que atraia o turismo nas grandes cidades europeas son os museos. Repositorios de obxectos, historias, estudos e investigación arredor dos pasados posibles. Algúns crean especial fascinación coa compilación de templos gregos, momias exipcias e edificacións babilónicas como parte inherente do Orientalismo que tan ben explicou no seu día Edward Said: a Outra como ser misterioso, fascinante e por sempre ancorado nun pasado inmutable.

Mais o pasado non é inmutable, os lugares de procedencia deses obxectos están vivos no presente, teñen a súa propia voz. Se os museos deben ser un lugar para provocar reflexión, o espolio é o antagónico pois esta só pode producirse cando os obxectos están no seu contexto, cando son quen de produciren un coñecemento enraizado no lugar.

Pensaba nisto o outro día visitando Thanjavur, un dos lugares máis importantes para a historia, a arte e a cultura támil, dende a Idade Media ata a actualidade. O seu templo Brihadishwara, construído na primeira década do século XI, é Patrimonio da Humanidade da Unesco e toda a cidade está chea de palacios e construcións que poderían ofrecer un relato do pasado rico e vizoso. Porén, a diferenza do diñeiro que flúe grazas ao turismo, o prestixio e a curiosidade colonial que rodea o espolio, nos propios lugares non están ausentes só obxectos, senón tamén medios. Nin na Tamil University nin na Saraswati Mahal, a impresionante biblioteca do século XVI é posible achegarse de ningunha maneira á historia da cidade fóra de lugares comúns.

A maiores, o caso de Thanjavur é interesante porque está atrapado entre dúas estruturas de poder: a (neo)colonial da que xa falei e a do goberno central da India, responsable do patrimonio, e ao que pouco lle interesa unha cultura diferente á narrativa oficial hindicéntrica e de corte fundamentalista. As culturas do sur da India, en particular a támil, parten doutra raíz e doutras crenzas, medraron en oposición a unha visión estreita que, con Modi e o seu fundamentalismo, esgana cada día máis calquera intento de vivir fóra do estereotipo hindú creado por eles.

Por iso é tan importante a rebeldía e o apoio a todas as campañas que non só buscan devolver os obxectos aos espazos onde teñen contexto e sentido, senón establecer relacións que ofrezan fondos e estrutura para un coñecemento propio que, dende o lugar, poida ser compartido. Oxalá, fronte ao espolio, máis mans tendidas.

Comentarios