Opinión

Espellos rurais

Unha parte do discurso hexemónico que se repite ata o aborrecemento ten que ver con designar o rural en xeral e a aldea en particular como o abxecto, que diría Kristeva: o lugar onde se proxectan todas as excrecencias da sociedade supostamente civilizada, urbana e capitalista. É un dos discursos hexemónicos que máis proído me producen, xa non só por experiencia vital, senón por pensamento político. Asociar a aldea e o rural co atraso dende o punto de vista económico e social resúltame contraditorio cun pensamento máis ecolóxico (é dicir, na convivencia inestable entre seres humanos e non humanos) e máis inclusivo (é dicir, na creación de espazos seguros para todas as persoas). É indubidable que a violencia de xénero, a lesbo/homo/bi/transfobia existen en todos os lugares. Non estou segura, porén, de que o rural sexa un lugar máis machista ou LGBTfóbo ca outros. Ese é un espello interesado no que a poboación urbanita se mira para verse superior.

Nese marco, estes días asistimos furiosas ao caso da rapaza de Baleira que foi violada sistematicamente por dous homes da súa mesma familia, na súa casa, sen que ninguén sospeitase nada. Como acontece nas cidades, alguén tiña que saber, pois as vítimas falan. E máis cando hai dous embarazos polo medio. Mais de aí a pensar que estas cousas ocorren "nas aldeas" coma se esta fose a súa esencia hai un treito hexemónico longo. Para empezar, "estas cousas", as agresións sexuais a menores, acontecen en absolutamente todos os lugares. Para seguir, se cadra o que marca é que o acceso a formación e ferramentas necesarias para detectar as violacións de menores non chegan a todos os lugares. Que hai persoas que hoxe se senten impotentes por non teren os lentes para ver algo que resulta difícil de detectar, mesmo para quen supostamente ten ferramentas profesionais (O sistema xudicial? Noxento todo). E iso si é responsabilidade de todas.

A sentencia amosa unha vez máis algo que se repite no groso da sociedade "civilizada" e "moderna": a falla de solidariedade cara á vítima, a empatía permanente cara aos agresores. Mais en Baleira a veciñanza saíu silenciosa á rúa pedir castigo e interrogar o seu papel nesta ignominia. Pensaron, ante todo, na rapaza. Que é o que deberiamos facer todas. Poñernos de pé con esa e tantas mozas que viven o inferno cada día para poñerlle fin. Mais esa, sabémolo ben, non será a imaxe do rural que aparecerá no espello.

Comentarios