Opinión

Especie protexida

Recoñecerédelo facilmente pola súa capacidade para darlle a volta á tortilla. Por ser sempre o centro de atención. Por reclamar a súa cota de vitimismo ante a mínima intervención. É o señoro. Os seus privilexios serán sempre confundidos por dereitos, ocupará tanto espazo con calquera carallada e pseudoagravio que conseguirá o seu propósito: que esquezamos as agraviadas e violentadas REAIS.

O señoro sempre ten quen o defenda. Perdura mesmo despois da morte do individuo. Non lle fai falla ser Xesús Cristo para resucitar constantemente a "polémica". Os señoros, ademais, teñen capacidade transfronteiriza, ata o punto de mobilizar institucións que nunca antes moveron un dedo para defender os intereses das persoas e colectivos aos que o señoro, indefectiblemente, trata con desprezo so argucia de "liberdade creativa" ou "potestade do autoro". O señoro sempre ten que berrar que chega a fin do mundo cando alguén ousa sinalarlle que se cadra a liberdade creativa parte de non agraviar a persoas que xa están nas marxes. Que se cadra a potestade da autora é poñer en dúbida a autoridade sobre os textos (porque non chegou a ler a Barthes, mesmo sendo de especie parella), asumir que estes son organismos que cambian co tempo segundo o que as persoas len neles. Que nin "ofender" nin o "politicamente correcto" son o tema, senón as estruturas de poder que unha obra constrúe ou destrúe na súa interacción coa sociedade.

Que quen destrúe, esmaga vidas literais. Que destruír é tamén tapar co cascallo as que non cómpre decorar co de que "eran outros tempos" para recoñecer nelas a xustiza interseccional do presente. Elas, as eternas recuperadas. As que, mesmo visibles, como lle pasa a Rosalía de Castro, fican sepultadas polas invocacións baleiras dos señoros e os seus séquitos. Ninguén se mobiliza nin escandaliza porque se siga mutilando a rebeldía lendo 'Adiós ríos, adiós fontes' sistematicamente e non 'A xustiza pola man'. Porque aquí a única "corrección política" é a mutilación patriarcal ou españolista ou clasista ou cisheterocéntrica que permite, como nos pasou o outro día no Día de Rosalía en Compostela, que un señor berre "Y QUE PASA CON LOS HOMBRES" mentres falabamos da obra da autora, ata que tivo que ser expulsado polo público.

Mais o señoro, en esencia, nunca admitirá nada disto, presentarase como especie en perigo de extinción sendo, sen dúbida, a única especie sempre protexida.

Comentarios