Opinión

Escollas

Debo admitir que en xeral creo pouco na ficción neoliberal da escolla. Todas as nosas "escollas" veñen marcadas por condicionantes socioeconómicos, polas capacidades e experiencias dos nosos corpos, polo noso "capital cultural" e polas súas interseccións.

Se ben isto é válido para moitas cousas, hoxe quero centrarme en onde vivimos. Creo que esta é unha das cousas nas que fica máis evidente que unha maraña de cuestións acaban determinando onde e como podemos vivir, se na rúa, nun piso diminuto nunha cidade ou nunha aldea dos Ancares. E as persoas que temos a fortuna de ter un teito diremos que vivimos en tal ou cal lugar porque nos é mellor para o traballo (creo que un dos condicionantes máis potentes), porque fixemos a nosa vida relacional nun certo lugar, porque temos acceso a certas cousas (no meu caso, o transporte público). Cadaquén terá as súas explicacións, mais ao final delas, igual que acontece coa "casualidade" de que maioritariamente as mulleres deixen os seus traballos para seguir as súas parellas cando estas se trasladan a outro lugar, cousa que minoritariamente ocorre cos homes, acabamos con fenómenos sociais preocupantes, como a "despoboación".

Hai lugares onde é complicado vivir hoxe en día, onde as condicións de vida en moitos sentidos non "están" boas. E uso esta anomalía da linguaxe para facer ver que vivir nos Ancares, por exemplo, non implica en si mesmo malas condicións de vida. Ben ao contrario. Mais estas condicións de vida están dificultadas por unha sociedade que favorece a vida nas cidades, por unha falla de servizos básicos adaptados á vida da xente da montaña (e non ao revés) e por unha falla de interese xeral da cidadanía por dar entidade de suxeitos a persoas que levan vidas nas que o capital non está no centro. Á xente urbanita, local e foránea, encántalle ir de "escapada" aos Ancares, mais non queren saber nada das condicións de vida das persoas, animais e árbores que os habitan. E isto é o caldo de cultivo para que, cando hai pouca masa crítica, as empresas, como leva tempo denunciando María Osório, fagan os seus proxectos eólicos e mineiros no rural. A escolla das persoas de facer vida no rural repercute no benestar de todas nós e por iso agora a escolla é poñernos do seu lado, mobilizarnos e amosar que, nos Ancares ou onde sexa, pode que viva pouca xente, mais que despoboado non está porque todas nos responsabilizamos da súa protección.

Comentarios