Opinión

Escoitarnos a nós mesmas

O último espectáculo de Mercedes Peón con Laura Iturralde e Peque Varela, Osmose, transcorre na intersección entre a creadora e o público, nunha membrana que une e separa. Se cadra é esta unha metáfora importante sobre a historia, sobre os silencios e sobre os ruídos.

Nunha continuidade coa película de Margarita Ledo, Nación, Osmose produce un novo relato sobre o que somos. A ollada singular de Peón, porén, atrapa nunha experiencia que envolve, na que somos moito máis ca espectadoras. Transcorre por espazos que lle son coñecidos, por exemplo pola deconstrución do discurso patriarcal adquirido na danza de creación colectiva (os homes a liderar, as ringleiras por xénero...), que cae co xesto visual e auditivo co que abre o espectáculo: o vídeo dun grupo de persoas a bailar -gravado por Peón nas súas recollidas hai décadas-, salvaxes (no sentido de non atravesadas polo didáctico ou académico), ao ritmo do que Peón toca, para elas e para nós, dende o escenario.

Na interacción co antes é onde (nos) descubrimos unha Galicia diferente, agochada no discurso, onde as mulleres e a nosa rebeldía rachan con todos os estereotipos da submisión endexamais producidos sobre a nosa identidade colectiva: ao servizo de quen? Dende hai demasiado tempo, a (auto)imaxe pesa coa súa falacia. Espectáculos coma Osmose axudan a desartellala.

Para alén disto, é este un espectáculo que se o asinase alguén con nome estranxeiro, sería tema, como comentaba Ángel Suances no Twitter, de innumerables conversas, pois a súa calidade musical, escénica e artística é indiscutible. A membrana invisibilizadora cérnese tamén, así, sobre este espectáculo único.

Contra ela, a osmose de Peón, separa o discurso escuro e contraproducente daquel que nos une coma pingas que mazan sobre a dura rocha. Ao final, ese mazar é o que erosiona o poder e hexemonía. E por iso cómpre deixarnos traspasar por un traballo brillante (coas luces máxicas, vivas e danzantes de Laura Iturralde) e mobilizador (coas imaxes transmutadas e amplificadas na súa profundidade de Peque Varela) que dirixe Peón (con esa voz antiga e vangardista, sutil e inapreixable) nesta peza. Porque, como di Peón en "Igualiña ca as antigas", só se nos escoitamos a nós mesmas, seremos quen de escollermos o noso camiño. Porque só así construiremos un futuro no que sexamos libres e rebeldes, erguidas coa forza do pasado, a camiñar cara a un outro futuro.

Comentarios