Opinión

Esa personaxe

A escrita ten moitas cousas boas: experimentar coa lingua, participar do mundo e ofrecer ás lectoras espazos para existir, para debater, para construír. Unha das cousas que máis me presta é o tempo que paso con crianzas e adolescentes, agora de novo de xeito presencial.

A miúdo escoitamos que as crianzas non len, moito menos en galego. As cifras están aí e son innegables. Mais por veces agochan que hai moitas crianzas, sobre todo as máis pequenas, que adoran a lectura, que escriben os seus contos e que queren seguir escribindo. Sen dúbida, detrás destes impulsos sempre se notan as mans das docentes que comparten algo que aman co alumnado. É imposible transmitir o hábito da lectura se nós mesmas non lemos e o mesmo pasa coa lingua: se as percepcións que transmitimos son constantemente de fin do mundo, malamente podemos entusiasmar a outra xente, sobre todo nova, a construír con nós as letras do noso futuro.

Porén, mesmo con todo o entusiasmo do mundo, resulta irrefutable o dano que o sistema educativo polo xeral provoca nas criaturas galegofalantes e a evidencia de que hoxe en día hai en Galicia xa unha masa importante de menores que non teñen sequera as ferramentas para falar galego. Non saben poñer unha frase ao dereito, simplemente. Estas crianzas non son responsables, pero si vítimas, dunha política e dunha sociedade que lles nega un legado valioso que, como se ve despois, algunhas lamentan e teñen que facer o esforzo de recuperar de maiores.

Hai unhas semanas estaba nun colexio dunha cidade galega na que o afán da lectura era grande, mais non así o afán pola lingua. Ata o punto de que as crianzas eran incapaces nin de dicir en galego os nomes dos animais que aparecían nun libro... escrito en galego. Mais mesmo aí, un pequeno ao que lle gustaba moito escribir, ante a pregunta de en que idioma estaba redactando unha obra que creaba cun compañeiro, contestou, contrariado, que en castelán... para de inmediato atopar unha solución a esa situación: decidiu poñer unha personaxe a falar en galego que ensinaría ao resto a falar, de xeito que finalmente todas as demais tamén falasen galego. A súa ocorrencia deume moito alento, pois sempre considerei que as crianzas e persoas galegofalantes temos esa capacidade para transformar a quen nos rodea en persoas que falen galego. Sobre todo porque o que temos que ensinar é, sempre, moito máis ca unha lingua. E ese pequeno sabíao ben.

Comentarios