Opinión

Erguerse coma carballos

Se algo aprendín dos feminismos (non desa parodia branca, hexemónica, tránsfoba e ridícula que ás veces se apropia da palabra) e das árbores lonxevas é que cada día que nos erguemos é un éxito. Co paso do tempo obsesiónanme cada vez máis as árbores e o que nos ensinan sobre a vida. Penso que son os seres vivos máis intelixentes, os que nos aprenden que resistir non é un acto pasivo; que o movemento non é só trasladarse dun lugar a outro, senón espallarse de xeito máis discreto, cara arriba e cara a dentro; que o traballo máis importante se fai en compaña, con tempo e cunha visión do conxunto, fronte a adversidades en forma de estúpidos seres humanos e as súas cobizas e sistemas de vida incomprensibles.

Só con esa ollada dos carballos podemos procesar a ira que provoca observar Palestina arder de novo, a represión dos países ricos contra menores pobres no territorio dese estado que nos dá o pasaporte e os privilexios e, por suposto, esa pallasada vergoñenta de non admitir a trámite a proposta de Lei Trans. Non é de estrañar o desánimo, máis é precisamente entón cando cómpre lembrar máis que nunca, que cada día que nos erguemos é unha oportunidade nova de provocar transformacións. Igual que lles acontece ás árbores lonxevas, para quen está nas marxes, resistir é manterse viva o tempo que o mundo nos conceda para reconfiguralo, simplemente sendo. Porque para moitas, ser, como estamos vendo, é un traballo en si mesmo. E tamén a maior rebelión posible.

Reclamar a categoría de suxeito é un traballo individual, pero sobre todo colectivo. Porque se cadra na famosa foto da branca que aperta un home negro onde máis hai que poñer a mirada é nel, sen nome e desaloxado por políticas de guerra e fortalezas, e menos no noso afán salvador. Porque se cadra a rebelión é deixar de facer o papel que estaba asignado e poñerse do lado das rarxs e facer fraga común, bosque impenetrable contra xs que miran mal, insultan, acosan, escriben sobre nós coma se non tivésemos boca, pretenden tutelarnos ou tratarnos de tolxs ou idiotas.

Por iso erguerse cada día, mesmo cando a enerxía é pouca, xa é unha revolución. Erguernos xuntas e buscar as mans, porque todo paso no camiño é importante, mesmo aqueles que non acaban do xeito que nos gustaría. Porque fronte a un sistema que afoga, só queda seguir furando como furan os carballos cada día. Coas raíces fondas e, pouquiño a pouco, en conexión.

Comentarios