Opinión

Entender

Dun tempo a esta parte vexo con certa frecuencia persoas que expresan "non entender" a diversidade sexual e de xénero, en particular as identidades trans e en menor medida non binarias. Admito que son persoas dunha certa idade, pero sempre penso que é enganoso pois hai xente maior que de contado valora os avances nos dereitos e outra de poucos anos que non. Constatei de novo este fenómeno ao fío do neno de 8 anos de Ourense que puido ver recoñecido legalmente o xénero que lle negaran ao nacer.

En principio, non entender non é nada malo. Tamén está claro que cada día escoitamos moitas informacións e non temos que saber de todo. Sen ir máis lonxe, eu non entendo as teorías de Einstein, mais non por iso proclamo que sexan incertas, erróneas ou que non existan. Está ben partir na vida do descoñecemento, mais non está ben usalo para evitar recoñecer que en certos casos non entender é un luxo cisheterosexual. Para as persoas non heterosexuais, non cisxénero e non binarias, entender é un paso para recoñecer(se) e para dotarse de dereitos. Cando alguén non se molesta en explorar, interrogar e coñecer, o único que demostra é que a sociedade nunca o puxo (e falo en masculino con moita intencionalidade) nun lugar onde a súa dignidade humana fose negada. Quen queira entender, non ten máis que escoitar.

Aínda por riba, comprobo que moitas destas persoas que "non entenden" acompañan estas expresións cun "antes diso non había", "agora todo é complicado", "esas trapalladas" ou equivalentes. E aí xa empezamos a ter un problema. Que unha persoa cis heterosexual vivise toda a súa vida ignorando a existencia doutras que vivían ao seu carón é cegueira desa persoa. Nin as persoas trans, nin cuir, nin non binarias son cousa de agora, o que se cadra é de agora é a reivindicación duns dereitos como colectividade. Aí é onde a cousa, como en calquera asunto, amola a quen estaba co cu ben cómodo no seu privilexio, ou na súa "loita".

Chegado este punto tampouco podo evitar deixar de sinalar que durante moito tempo utilizamos "entender" para identificar as nosas iguais dentro do colectivo LGBTQ+. E igual que as persoas, por moito que a acepción aínda non conste no dicionario (seguramente porque ata o de agora estes non os elaboraban persoas que "entendían" ou non se lles permitía inscribirse no seu traballo) non quere dicir que non exista e que non a precisemos para entender o mundo na súa diversidade.

Comentarios