Opinión

Educación dixital

Non é ningunha novidade a articulación machista nas redes sociais. Calquera espazo novo é un lugar máis no que as mulleres e disidentes sexuais debemos afrontar distintas formas de violencia. O espazo dixital facilita o anonimato, que tampouco é nada novo. Antes só existían as pintadas nas rúas, nas portas dos baños, os panfletos difamatorios, a rumoroloxía... No dixital, igual ca no resto de espazos públicos e privados, cómpre un proceso de socialización.

Pola miña banda, hai tempo que padezo a furia machista dalgúns adolescentes, que sen dúbida imitan o que os rodea. Nos encontros en institutos hai anos habíaos que se levantaban, machitos, para falar e intimidarme non só a min, senón ao resto das mozas. Curiosamente, de toda a miña obra, O club da calceta é a que aínda levanta máis bochas, simplemente por poñerlles diante un espello que non é gabancioso.

Agora, esas voces atopan outras vías. Hai un tempo tiven que notificar a un centro de Compostela que un grupo de alumnos se organizaran para insultarme no Instagram. Máis tarde, outro de Lalín dedicouse a encher de lixo a conta. A semana pasada, outro adolescente, ao non contestarlle as mensaxes, escribiu, con cheísmo incluído: "Fálame. Mátoche".

Non podemos pensar nin que as redes son un espazo diferente ao resto nin moito menos que es adolescentes veñen educades de nacemento. Non son "natives dixitais" por teren ferramentas, igual que nós por ter papel non sabiamos escribir unha carta. As normas de conduta deben aprenderse. No meu caso, igual que na vida fóra das redes, non contesto a ninguén que se dirixa a min sen amosar un mínimo de educación. Tampouco me comunico con xente que insulta ou que utiliza o anonimato para expresarse. Aínda así, no caso dos adolescentes procuro intervir chamando aos centros ou localizándoos porque penso que cómpre unha pedagoxía que a min, malia a violencia, tamén me corresponde. Se cadra para outro día falamos do desazo que provocan estes impactos.

Mais ao final hai que facer pedagoxía e valorar os aspectos positivos das redes. Nelas tamén, a posibilidade de cambio. Coma o dunha moza que pasados moitos anos me escribiu para desculparse do seu comportamento, que distaba moito doutros, nunha sesión d’O club da calceta. Oxalá alguén acompañe eses mozos para adquirir a mesma madurez ca ela, recoñecer os erros, pedir desculpas e traballar para sacar outros da lama machista que todo o invade.

Comentarios