Opinión

Economías de plantación

A miúdo falo da importancia de rachar o pensamento colonial buscando referentes fóra daqueles lugares que se nos (auto)representan como importantes. Cómpre saír do pensamento colonial de ver as outras como vítimas, inferiores ou bárbaras para velas como axentes activas do cambio, produtoras de coñecemento e como instrutoras sobre as desfeitas que provocamos. Estudar a historia dos países que foron colonizados fóra do exercicio noxento de reificar e glorificar a metrópole, axuda a entender innumerables cousas do presente.

Estes días, vendo o que acontece na terra nosa, penso en Haití e na importancia de entender o concepto de economía de plantación. Esta estratexia colonial foi o epítome da devastación do Caribe. Tras o xenocidio, a escravitude para manter sistemas nos que se substituíu todo o que daba alimento, o coñecemento preservador da terra, por cousas que producen rédito económico noutros lugares. Algodón, azucre, agora os mangos e os aguacates... Cando Haití, a primeira república independente e negra das Américas conseguiu liberarse de Francia, tivo que pagar a unha potencia colonial que impediu que puidese comerciar con outros países. Haití segue obstaculizado polas ansias do capitalismo de continuar coas súas gadoupas exterminadoras permitindo a creación de países sen estado onde as donas de todo son as corporacións ou a súa man dereita, a "caridade".

Galicia vive neste momento situacións que amosan que vivimos nas economías que impuxemos noutras. Os eucaliptos, os eólicos e o turismo de masas. Vemos arder os lugares con nomes que xa non significan nada. Os lugares que acubillan a nosa historia colectiva e individual, desfeitos en cinsas. Se algo nos ensinan as compañeiras de lugares como Haití, é que só a partir da lingua e da memoria poderemos, contra a ineptitude dos gobernos e o embite capitalista, reconstruír.

Para que a reconstrución teña sentido, debemos pensar en con que economías de plantación colaboramos cada día. Que lugares estamos destruíndo co noso turismo e consumo? Porque esoutros lugares tamén teñen nome e significado para quen os habita todo o ano no medio dun cambio climático feroz que provocamos nós, mais do que elas levan décadas sufrindo as consecuencias. É tempo de reflexionar, mais tamén de organizarse. De escoitar as expertas, como as Brigadas deseucaliptizadoras, para plantar, con máis urxencia ca nunca, unha outra economía.

Comentarios