Opinión

As economías que importan

Dende hai menos dun ano teño a desgraza de vivir enriba dunha terraza, que aumenta en tamaño cada día. Malia estar nun cuarto piso, dende que rematou o confinamento as miñas veciñas e mais eu aturamos ruído a todas horas, incumprimentos de horarios que só se interrompen se chamamos a policía, venda de polbo en plena rúa e este domingo, por se non tiñamos abondo, un concerto a volume da orquestra Panorama invadindo totalmente a beirarrúa. Isto dio ademais alguén que nin é especialmente sensible ao ruído, nin a zona é de seu ruidosa.

O comportamento da persoa que rexenta este local non é, por suposto, exclusivo. Agravado tras o confinamento, semella existir na nosa sociedade unha priorización do ocio dunhas por riba do descanso doutras, das economías dunhas por riba das doutras. Porque se ben os bares famosos teñen dereito a manter os seus ingresos, non temos menos dereito a facelo aquelas que traballamos dende as nosas casas, ou as que teñen que ir traballar o día seguinte despois de durmir malamente ou nada ata as tres da mañá. A alternativa, por certo, non pode ser chamar a policía unha e outra vez por cada unha das infraccións de normativa de xente coma o desta impresentable e que acode ao seu negocio.

De fondo, hai un problema de entendemento do espazo público. Pois a rúa, como tantas outras cousas, é un espazo de convivencia colectiva. Polo tanto, non pode supeditarse o seu uso aos intereses concretos dun colectivo ou persoas particulares. Debe existir un equilibrio e os poderes públicos deben velar, que para iso están as ordenanzas municipais, por que se cumpran sen que teñamos que poñernos en pé de guerra as veciñanzas para que se nos respecte un dereito básico como é o do descanso.

Non vou entrar aquí nos danos que os elevados niveis de ruído provocan na saúde, pois o ruído é un factor recoñecido de estrés e mala calidade de vida, nin na “cultura do alcohol” como única diversión. O peor dano é a falta de pensar en quen nos rodea e en apoiar constantemente un sector de total precariedade laboral, que ocupa espazos que son tamén das persoas que non teñen cartos para tomar copas, mais que queren sentar tomar o sol ou conversar nun banco público (tamén invadido pola devandita terraza, por certo). Porque o uso público dos espazos remata cando provoca trastornos irremediables a outras persoas que os ocupan. Porque as nosas economías e benestar tamén importan.

Comentarios