Opinión

Éche o que hai

Se algunha frase recolle parte importante da idiosincrasia galega, sen dúbida é “éche o que hai”. Algunhas veces estas catro palabras valen para marcar a liña do que non podemos cambiar ou dos espazos que non queremos que outras persoas traspasen. Actúa como práctico libro de autoaxuda, como mantra para sabernos desprender de certas ansias.

Porén, con demasiada frecuencia o mantra transfórmase nunha profecía da resignación. Nun deixar as cousas pasar, nun hai que ir morrendo que explica certas situacións repetidas e incomprensíbeis. Refírome neste caso á catástrofe humana dos incendios.

Non hai nada de accidental neles. Responden con claridade a unha política programada de cobiza e desleixo que vai despoboando o rural porque un espazo non habitado é un espazo máis facilmente explotado. Non é de estrañar que Ourense arda cada ano: hai máis carto no que o solo oculta que no que amosa.

O rural non se poboa con carteliños e slogans, pobóase dando unhas condicións de vida dignas que animen a xente a vivir nel. Nun momento onde tanto se gralla co tema do teletraballo, a ninguén se lle ocorre contestar a pregunta de por que a xente non vai teletraballar a zonas rurais. Se non se pode contar nin cunha conexión a internet mínima, empezamos mal. Se a isto lle engadimos o peche dos servizos públicos, desde escolas a hospitais, e a imposibilidade de vivir sen un coche propio porque o sistema público é irrisorio, pois creo que a pregunta se contesta por si mesma.

Certo é que resulta “caro” dar servizo a unha poboación dispersa coma a nosa, pero os gobernos teñen que ser mecanismos de redistribución, non de acumulación. Polo tanto, o que se aforra nuns sitios hai que investilo noutros.

Aceptar con resignación estas circunstancias non pode ser a solución. Dicir éche o que hai mentres miramos o ceo a ver se chove coma seres prehistóricos, tampouco. Porque, a diferencia daquelas comunidades, hoxe hai quen usa o lume para prender o monte. Un monte que arde tamén porque non está vivo aos ollos humanos. En Galicia, a diferenza de comunidades veciñas, o monte constitúese como un non-espazo. Quitando os cazadores e xente que vai facer andainas, non adoitamos habitar ese lugar desde o respecto. Así, mentres o monte siga sendo para nós un ente sen valor, pois isto será o que vos haxa. Encoller os ombreiros, mirar cara ao ceo e deixar que uns destrúan o que a terra botou tanto tempo en construír.

Comentarios