Opinión

Disipar o fume

Aprimeira -creo- columna que publiquei n'A nosa terra polo 2004 levaba por título "Cortinas de fume bordadas carmesí". Naquela altura falaba de como os intereses capitalistas, militaristas e patriarcais estaban por detrás das guerras e invasións como as de Iraq e Afganistán e de como as mulleres se converten na cortina de fume perfecta, se non fose porque estamos falando de seres humanos.
Tantos anos máis tarde, doe comprobar que seguimos no mesmo punto de non querer enfrontarnos ás bases do discurso colonial que ten ben asimilado temos, tamén en Galicia. Nel, partimos de representar as Outras como "atrasadas" e "bárbaras" para ilas colonizar (neste momento, para ir explotar recursos ou por intereses xeoestratéxicos). Nesa construción, as nosas Outras son seres útiles só para os fins occidentais, listas para seren desbotadas en canto estes cambian. Tamén son aquelas que quedaron fosilizadas no tempo e que só recibiron algún "avance" de dereitos grazas á "intervención" da potencia colonizadora (dxs salvadorxs brancxs que diría Spivak). Este discurso pode trazarse dende a idea de que foron homes brancos europeos os que "descubriron" América ata o caso extremo de Afganistán.

Estes días a xente bota as mans á cabeza porque quedan no poder os infames talibáns e, sen negar a gravidade da situación, o doloroso é comprobar que a ninguén lle importou que a invasión estadounidense sexa responsable da morte de 70.000 persoas en Afganistán, moitas delas mulleres. Non imos falar tampouco dos crimes específicos relacionados coas invasións militares como as violacións ou a prostitución. Vivir nun país invadido NUNCA é a solución para saír dunha ditadura, e iso sábeo calquera que escoite as mulleres afgás organizadas como as compañeiras de RAWA, ou as feministas de países próximos como as paquistanís. Tendo en conta que Afganistán non produce armas (o estado español é o sétimo exportador), se cadra o traballo das organizacións feministas occidentais ten máis que ver con organizar a cidadanía contra os nosos propios gobernos e empresas que botando as mans a cabeza e falando de burqas. Só cando mudamos o foco permitimos tamén que as voces das nosas outras sexan escoitadas onde cómpre: neste momento, nas peticións de asilo e refuxio e nas chamadas para que se apoie a poboación civil para derrocar o réxime talibán, algo que sabemos que só será posible se disipamos o fume discursivo.

Comentarios