Opinión

Disciplina deportiva

Comezan os Xogos Olímpicos e con eles a visibilización do que supón para as mulleres dedicarse profesionalmente ao deporte. Hainas, como a nadadora Ona Carbonell, que teñen que elixir entre aleitar ou competir, outras coma a boxeadora Mandy Bujold tiveron que pelexar para competir tras dar a luz. Á veloz Caster Semenya non a deixan correr porque uns señores decidiron que o seu corpo produce testosterona "de máis". A nadadora paralímpica xordo-cega Becca Meyers renunciou a ir a Tokio porque as autoridades deportivas estadounidenses se negaron a poñerlle unha persoa de apoio.

A saltadora paralímpica británica Olivia Green foi amoestada no Campionato Británico por un árbitro porque o culotte que levaba era moi "pequeno e inapropiado". O equipo noruego de vóley praia foi multado con 1500 euros porque as xogadoras decidiron usar pantalóns curtos nun partido. Xusto antes das olimpíadas, a federación de boxeo amador propuxo que as mulleres competisen en saias. As ximnastas alemás do equipo olímpico decidiron competir en leotardos de corpo enteiro. Nin por motivos de saúde, como lle pasou a Serena Williams co seu traxe para evitar trombos despois do embarazo, nin porque unha debe de perder bastante concentración se se ten que preocupar de ensinar a crica por descoido en televisión, as deportistas poden competir en condicións de igualdade cos homes. Mirando para estes, unha ata chega a pensar que os uniformes deportivos están para facilitar o deporte.

As mulleres levamos enfrontándonos ao deporte de competición dende hai séculos, ás súas desigualdades (en premios, en categorías profesionais que non existen, como pasaba coa de futbolista profesional ata hai nada) e limitacións (acceso a centros de adestramento, canchas, campos, fondos). Tamén con frecuencia inaudita aos abusos sexuais, agresións e maltrato psicolóxico. Un dos espazos máis poderosos que teriamos para sermos donas do noso corpo e explorar o seu potencial péchasenos por culpa duns señores que deben de ter moito medo de que lles comamos as papas ou de que lles desmontemos o furancho porque no fondo todos os problemas que producen serían de moi doada solución.

As deportistas compiten pola dignidade de todas nós cada vez que se rebelan, que se organizan, que se expoñen a sancións e despidos simplemente porque a disciplina deportiva non é algo que quede só nas medallas, senón en abrir portas para as que veñen atrás.

Comentarios