luns 20.01.2020

Desaprender a indefensión

Cando tiña uns 15 anos, non estou moi certa, estaba nunha discoteca falando cun rapaz, coñecido do meu irmán maior, que en certo momento me propuxo ir dar unha volta no seu coche. Imaxino que me caeu ben, pode que me gustase, e o de ir en coche era toda unha novidade, así que accedín, a dicir verdade non recordo demasiado as miñas razóns, pero tampouco teñen que ser moi importantes. 

Cando tiña uns 15 anos, non estou moi certa, estaba nunha discoteca falando cun rapaz, coñecido do meu irmán maior, que en certo momento me propuxo ir dar unha volta no seu coche. Imaxino que me caeu ben, pode que me gustase, e o de ir en coche era toda unha novidade, así que accedín, a dicir verdade non recordo demasiado as miñas razóns, pero tampouco teñen que ser moi importantes. O que si recordo con nitidez son dous detalles concretos (ademais da tremenda rifa posterior dos meus pais). Un o berro dun grupo de amigos del ao saír da discoteca que incluíu a frase: «Ábretela en canal» e a conversa que mantivemos no coche onde me preguntou se non tiña medo de estar alí a soas con el. É bastante probable, vendo os indicios, que tivese intención de facer comigo algo indeterminado, non necesariamente contrario á miña vontade. Pero a día de hoxe estou certa de que se non pasou nada en ningún sentido foi porque ante a súa pregunta contestei firmemente que non. Que me cría capaz de defenderme fisicamente de calquera. E aí morreu o conto, falamos doutras cousas, volvemos á discoteca e pasei case acto seguido á rifa familiar posterior, que se centraba sobre todo na miña falla de xuízo e no feito de que «me podería ter pasado calquera cousa» porque «os rapaces xa sabes como son», «poden contigo», etc. Eu non vía a situación da mesma maneira.

"Volvemos á discoteca e pasei case acto seguido á rifa familiar posterior, que se centraba sobre todo na miña falla de xuízo e no feito de que «me podería ter pasado calquera cousa» porque «os rapaces xa sabes como son», «poden contigo», etc." 

Por algunha razón que descoñezo e contra todo prognóstico dende que era pequena me neguei ao discurso aprendida da indefensión e da inferioridade física. En retrospectiva, doume conta da sutiliza dalgunhas das miñas estratexias nin sequera razoadas e que non consigo determinar de onde saíron, sobre todo tendo en conta que de pequena era moi zoupona (e todo o mundo se molestaba en indicarmo a cada paso, agora entendo que pola combinación de ter miopía dende os seis anos, os pés valgos e ser bastante alta). O caso é que dende que tiña 11 anos empecei a facer flexións e abdominais todos os días nada máis levantarme. Metinme a deportes que non se me daban ben, refuguei de quen dicía que as nenas eramos flexibles (nunca foi o meu caso) e os nenos fortes e resistentes (o meu caso). Cando os nenos da miña clase xogaron a facer un exército, no que se ascendía facendo flexións fun a única nena que se uniu (e ademais ascendeu). O día que os nenos do colexio tentaron meterme no baño deles para manosearme saíron losqueados, ademais de fracasados no seu intento. Insistía en que meu pai, que sempre xogou ao fútbol sala, me ensinase adestramentos. Andei en bicicleta por onde ninguén me mandou e negueime a que me acompañasen á casa pola noite, onde camiñei (e aínda o fago) cos puños pechados por se teño que romperlle os dentes a alguén.

"Dende que era pequena me neguei ao discurso aprendida da indefensión e da inferioridade física".

Todas estas anécdotas viñéronme á cabeza ao ler o caso dunha rapariga de 14 anos que sufriu o acoso dun pederasta na Coruña e quedou paralizada polo medo. Fíxome sentir a rabia contida novamente da miña infancia e adolescencia cando todo o mundo me dicía que tiña que ter medo e ser unha persoa indefensa. Cando as películas, os relatos, as cancións me dicían que o meu papel era o de deixarme rescatar. Que o meu destino final era o de ser unha vítima, que as mulleres estaban aí para iso: corpos mortos de crimes horribles, persoas asustadas mentres os homes se zoupaban nas escenas de acción (eu sempre preguntaba: pero por que ELA non fai nada?). E eu turra que turra no sentido contrario.

Nese contexto, a reacción desa moza é totalmente comprensible e entristecedora. Canto máis pasa o tempo, máis me preocupa todo isto. Preocúpame que as nenas e as mozas crezan agardando o peor, que crezan nun mundo de restrición física, que non exista nunca unha conversa seria cos rapaces, nenos e homes sobre o feito de que son eles e os seus papeis de xénero os que orixinan a violencia e non as minisaias, o alcol, as saídas nocturnas, o desexo sexual ou os corpos das mozas. Igual que eles están no seu dereito de andar pola rúa sentíndose seguros, no seu dereito de facer deporte, de estar a soas nun lugar escuro con alguén simplemente porque lles cae ben, non porque necesariamente queiran deitarse con esa persoa (como me pasou a min aquela noite adolescente), a cambiar de opinión e a poñer límites sobre o que queren ou non, nosoutras tamén debemos telo. E se non o temos é porque, como sociedade, non educamos aos mozos e nenos a entender estas cuestións. Pola contra, educamos ás nenas e mozas a restrinxir os seus movementos, a teren medo, a non sentirse nunca seguras de si, do seu corpo, das súas capacidades. Do groso ao sutil. Abonda con poñerse nun parque infantil e observar como aos nenos se lles permite explorar, caerse, emporcarse, fozar. Ás nenas non: sempre hai unha man que axuda a subir ao alto, unha voz que sinala o vestido, un alguén detrás para que non caia a meniña. Os nenos aprenden que o seu corpo é unha capacidade, que é potencia, as nenas que é unha discapacidade, unha carga (á que se lle engaden a preocupación polo talle, a beleza, a represión da sexualidade, o decoro, a honra... unha carga insoportable).

"É fundamental axudalas a desenvolver tamén mecanismos de defensa, a non calar, a saber que facer nun caso concreto como o que tivo que afrontar a moza da noticia, paralizada por unha sociedade que ensina ás nenas a indefensión".

Ultimamente, algúns colectivos feministas falan da importancia da autodefensa e eu quedo sobre todo co fondo do discurso, ese que di que é hora de falar de maneira concreta coas nenas dos perigos sen aterrorizalas (e sobre todo, xa digo, falar cos nenos e mozos), axudalas a desenvolver mecanismos para detectar os perigos reais, que distan moito dos que se nos venden na cultura popular da literatura, do cine e da televisión (por exemplo, o feito de que a maioría de violacións non son por parte de descoñecidos, senón de homes do noso entorno ou de que a violencia na parella ten sobre todo que ver co control e coa representación nun espectro moito maior ca as labazadas). É fundamental axudalas a desenvolver tamén mecanismos de defensa, a non calar, a saber que facer nun caso concreto como o que tivo que afrontar a moza da noticia, paralizada por unha sociedade que ensina ás nenas a indefensión.

Porque mentres non solucionamos o problema de fondo, ese que fai que non nos poidamos sentir seguras en ningún lugar, o mínimo que lles debemos ás nenas e mozas é darlles a forza de facer fronte á vida, facéndoas sentir que son capaces, tamén e sobre todo fisicamente. Porque verdadeiramente o son e, entre outras cousas porque nos teñen a todas nosoutras detrás. É hora de que como sociedade esteamos á súa altura.

 

Desaprender a indefensión
comentarios