Opinión

Desamparo

Por debaixo da dor e do ruído, son días estes de estraña introspección, de facer exercicios de empatía e de pensar en comunidade. Tamén de comprobar como hai demasiada xente incapaz de poñerse no lugar da outra e para a cal o importante segue sendo o mesmo de sempre. Sen ir máis lonxe, para o Sr. Núñez Feijóo, o importante segue sendo calquera cousa menos as persoas galegofalantes: intervencións públicas en castelán e imposibilidade de acceder á información e á atención sanitaria na nosa lingua.

Fronte ao argumento que di que se pode ser boa médica sen falar a lingua propia debemos recuperar o discurso non só dos dereitos, senón tamén dos afectos. Por desgraza, estes días hai moitas persoas galegofalantes nos hospitais que seguramente se sentirán máis queridas e respectadas se quen as rodea lles fala en galego. Estou certa de que moitas profesionais así o entenden. Outras, se cadra neste tempo de cambialo todo, sería bo que reflexionasen.

A lingua como conexión emocional co mundo faime pensar tamén estes días, como intérprete que son e que asiste a persoas enfermas estranxeiras nos hospitais, no desamparo de comunicarse malamente, con medias palabras, de non poder transmitir en momentos de angustia o que somos na lingua propia. Xa non digamos o medo a vivir a enfermidade sen recoñecemento legal da cidadanía.

Pensemos agora nese marco no que significa que o presidente do lugar onde vivimos desprece unha vez máis o galego. A cousa deixa de ser algo menor, “localista”, unha angueira testana dun par de radicais excéntricas. Acaba por verse como o que é: unha falta de humanidade. Porque ao final de cada un de todos eses xestos de desprezo á lingua está o desprezo a quen a falamos. A todas e cada unha das persoas que a queremos, que a vivimos, que a experimentamos nos nosos corpos. Eses que nestes días sofren e padecen a enfermidade, o confinamento, a angustia sobre o futuro e, no fondo, o desamparo. O Sr. Núñez Feijóo nin nestes momentos extremos amosa un mínimo de sensibilidade cara á gran porcentaxe da súa poboación que aínda é, malia el, galegofalante. E esa política inhumana que practica faise nestes momentos, simplemente, insoportable.

Por iso hoxe, máis que nunca, debemos clamar polo galego como lingua de amparo, de abeiro, de xustiza e de carraxe. Porque se o presidente non acompaña, aí seguiremos nós a construír, agora máis que nunca, o abeiro das por el desamparadas.

Comentarios