Opinión

Dar resposta, dar respostas

Se hai algo que me pode molestar nos comportamentos cotiáns é preguntar algo transcendente e non recibir contestación. Resúltame un hábito tan incomprensible coma insoportable e a receita para construír relacións carentes de profundidade. Calquera conversa significativa adoita comezar con preguntas importantes para quen as formula, nun esforzo de abrir diálogos que non sempre son fáciles.

No espazo público, cada catro anos temos a posibilidade de responder preguntas, de establecer un (breve mais vital) diálogo sobre en que condicións queremos vivir. Nese contexto, desconfío sempre dos partidos que, no canto de inquirir, aparecen simplemente con respostas a problemas que a miúdo eles mesmos crean. Un caso sobranceiro disto son os partidos de extrema dereita, interesados en ocupar as institucións e medios para destruílos, como acabamos de ver agora coa "publicidade" sobre certas fraudes electorais e o silencio de décadas sobre outras, simplemente porque os protagonistas eran eles e non outro partido.

Como cidadá valoro sempre os partidos que preguntan, que queren saber o que opina a cidadanía organizada. Os partidos que percorren o país e se reúnen con asociacións e cidadanía non para "pedir o voto" senón para entender mellor as diferentes olladas que existen sobre o espazo que se supón que deben gobernar en nome de todas.

Só desta maneira podemos alcanzar alcaldes e alcaldesas responsables non só de fochancas, coma o reincidente vigués, senón de concellos habitables, cunha cultura viva, con emprego e igualdade social, con servizos públicos fortes, que busquen desfacer os estereotipos e violencias contra persoas e colectivos. É por iso que, ante as preguntas do espazo público, o primeiro paso para a transformación é tamén dar resposta.

Este ano, a abstención nas municipais estivo ao redor do 30%, sendo menor a taxa nas provincias de Lugo e Ourense (novamente cómpre repensar estereotipos) e, por moito que poidamos entender os motivos, se só unha vez cada catro anos se nos pregunta á cidadanía, é bastante triste non dar resposta. Porque sen a nosa resposta non é posible artellar políticas ante os múltiples problemas aos que nos enfrontamos diariamente.

A estrutura política é indispensable para poder articular as iniciativas cidadás para que transcendan o local, para que os fondos públicos se invistan nas cousas importantes, para a transparencia. Para a vida.

Comentarios