Opinión

Curiosidade fronte a datos

Debo admitir que a curiosidade é un dos maiores motores da miña vida, un dos motivos máis poderosos polos que leo, estudo, escribo. Porén, nun mundo no que aparentemente todo (habería moito que falar de que, para quen, producido por quen, en que linguas) está ao alcance do dedo, rara vez nos paramos a reflexionar sobre a diferenza entre a necesidade de coñecer datos e a visión máis en profundidade das cousas que leva a emprender proxectos de exploración longos e complexos.

Se cadra é esta unha das explicacións que atopamos neste momento ao sensentido de vivir nunha sociedade onde as persoas que se comunican por un móbil logo queren “ver o virus”. As xentes que estes días saen á rúa para manifestarse contra [inserir contido] sen dúbida manexan datos de todo tipo. Moitos destes datos poden ser considerados científicos, pois hai estudos e mesmo persoas expertas que os avalan. O que non manexan é coñecemento, porque esa é unha forma crítica de entender o mundo. Unha forma que parte da curiosidade e que para nada é exclusiva da “ciencia”.

As explicacións complexas para os fenómenos da vida humana requiren moita menos “ciencia e tecnoloxía” no sentido que hoxe se usan nos planos de estudos, na xerarquización do coñecemento branco, occidental, androcéntrico por enriba doutros e moita máis curiosidade. Pois a ciencia -hexemónica- leva demasiados anos formulando preguntas que non teñen na súa base a máis fundamental: o que estudamos e facemos mellora a convivencia das persoas? Do medio? Produce sociedades máis xustas? Apodera a quen foi impulsada á marxe?

Neste contexto, é moito máis doado botarlle a culpa de calquera cousa ás vacinas que, por exemplo, aos niveis de contaminación que provocamos coa nosa forma de vida. Ningunha resposta a ningún problema da humanidade, nin científica nin doutro tipo, aparece en prazos apresurados. Pois a curiosidade é a que nos leva a mirar alén dos datos, a rexeitar explicacións únicas do todo, a explorar vías de entendemento da vida non só “científicas” e a reformular as preguntas do xeito correcto. Así, se interrogásemos con curiosidade de que xeito podemos coidar a quen nos rodea nestes momentos, a resposta sería evidente: poñer a máscara, lavar as mans, gardar as distancias. E ir termando da vida común con firmeza porque ás veces o importante non é tanto saber e ter os datos, como actuar con sensibilidade cara a quen nos rodea.

Comentarios