Opinión

Cultura para burguesas?

No debate que estes días se libra nas redes ao redor da situación na que está e estará a cultura galega tras a crise, fico estupefacta ás veces ante certas afirmacións. É este un debate vizoso, con moitas arestas e puntos de vista, mais hai un que me irrita profundamente: a insinuación de que, nos días de confinamento, as artistas que deciden encher as redes de contido en galego fano para satisfacer as angueiras dunha suposta burguesía que precisa encher as súas ociosas horas con inútil entretemento.

Non entendo moi ben en que Galicia viven as persoas que tal afirman. É evidente que a cultura feita en galego é un sector precario (máis). Carecemos de apoios institucionais, de grandes mecanismos de mercadotecnia e construímos a base de moitos azos colectivos, do boca a boca, de persistir e insistir. Non imos negar que esta situación teña certos vicios, mais ten ao meu ver tamén as súas virtudes.

Unha delas, a de contar cunha conexión moi directa coa por desgraza pequena comunidade que nos rodea. E nesa comunidade, sinceramente, non alcanzo a ver burguesas. De feito, seríame complicado determinar de quen é maior a precariedade, das que producimos ou das que consomen. O noso nivel de “burguesía” chega, como moito, a funcionarias do ensino que deciden usar o soldo ben gañado en apoiar a outras en situación peor. Vaia burguesía a nosa.

Nin as crianzas nos colexios con familias enteiras na precariedade que fan o esforzo de mercar un libro, nin as mulleres diversas de tantos e tantos clubs de lectura, moitas delas traballadoras dos coidados, labregas, pequenas comerciantes, pensionistas... creo que encaixen nese perfil que estes días se lles apoñe. Moito menos son elas responsables da desvalorización da cultura e da lingua galega. Moi ao contrario.

Porque se algo teño claro despois de tantos anos é que se seguimos creando é porque hai un público que nos acolle. Un público que coidamos e que nos coida, que non quere que as creadoras vivamos do aire. Poñer en valor a cultura pasa por poñer en valor primeiro o que fan as que nos acompañan no camiño. Porque a cultura é moi importante, pero non máis ca a agricultura, ca os coidados, ca os traballos de limpeza. Todas e cada unha somos responsables de manter a vida. E gañar cartos é esixible, un pagamento xusto a cambio dun traballo, mais coidado con non empezar primeiro dende o afecto e dende a xustiza para con quen nos acompaña.

Comentarios