Opinión

Crea un emprego

Con frecuencia pensamos que cambiar o mundo é unha tarefa difícil e inalcanzable. Algo que leva a moita xente a atopar a escusa perfecta para deixar todo como está. Porque a comodidade é a maior inimiga de calquera revolución. Mais o que ás veces esquecemos é que as revolucións máis significativas son aquelas ás que chegamos coas cousas que non nos decatamos que están na nosa man.

Estes días nos que tanto se fala do (des)emprego, no que moitas nos vemos cunha grande incerteza laboral e económica, se cadra é tempo de pensar ata que punto, sen que isto libere de responsabilidade as instancias políticas relevantes, hai cousas que, nese campo tamén, están nas nosas mans. E non fai falla aquí capital: o xeito de crear emprego consiste, simplemente, en non achantar. Porque o certo é que cada día as persoas galegofalantes achantamos. Achantamos con que todo o que nos rodea se exprese en castelán, con que empresas que levan de bo grao os nosos cartos, nos ignoren como consumidoras. Achantamos con que nesas plataformas audiovisuais de suposto alcance non teñamos ao noso dispor máis ca un par de producións na nosa lingua e ningunha en subtitulado ou dobraxe.

Ás veces crear emprego é tan simple como esixir que a atención que se nos dá como consumidoras sexa na nosa lingua. Todas temos aí moito que traballar, e por suposto o mellor é facelo unidas, traballando nas campañas da Mesa pola Normalización Lingüística, mais tamén a nivel individual. Chama moito a atención que plataformas bancarias teñan opcións das súas aplicacións en castelán e catalán, mais non en galego; que nos congresos se poidan falar varios idiomas, menos o propio. E por suposto que a Xunta ten responsabilidade neses procesos, mais tamén nós temos que puxar.

Crear emprego é tan simple como esixir que nos atendan no noso idioma en todos os eidos. Tan simple e tan complicado. Porque ao final é cansado estar todo o día pelexando polo mínimo. Mais sen ese traballo, tedioso e ingrato, non teriamos nin o mínimo do que agora gozamos. No momento en que esiximos o galego na comunicación estamos por forza dando traballo a persoas que viven aquí ou que teñen unha conexión connosco, estamos creando emprego que non obrigue a migrar, que reforce as nosas estruturas produtivas. Porque moitas veces esquecemos que a atención en galego non é só un dereito senón tamén, de xeito literal, unha riqueza sustentable ao alcance da nosa man.

Comentarios