Opinión

Corpos desbotables

En moitas análises de esquerda que se fan dende os países occidentais lese a miúdo que o capitalismo funciona mediante a sedución: provócansenos desexos que debemos satisfacer mediante o consumo. Sen dúbida, o corpo é o elemento ao redor do que xira a meirande parte deles e, en particular, dos corpos das mulleres agárdase que encaixen nuns patróns pequenos. A procreación segue vendéndose mesmo coma un "dereito" que se pode exercer explotando corpos alleos.

Este último exemplo amosa xa que non podemos esquecer que este capitalismo da sedución -que fai de nosoutras consumidoras- ten outra cara que polo xeral preferimos non ver. É a cara directamente represiva e violenta para con aquelas que non son se consideran cidadás, senón "simplemente" o que reborda deste cultivo de destrución permanente que implican as teorías do "crecemento".

As ideas que temos de "nós" como sociedade, partidas dun capitalismo colonial atroz, non superan o máis mínimo escrutinio. A Europa que se escandalizaba co muro de Trump non se escandaliza nunca do que acontece nas nosas fronteiras, mesmo cando cada ano morren centos de persoas no mar e nos valados de "concertinas" a mans duns aparatos de represión que se pagan cos nosos impostos. Abráiame pensar que en canto a inflación sobe xa esquecemos os compromisos ambientais e seguimos dando permiso aos combustibles fósiles que pagan coa súa vida tantas persoas en Iraq, Afganistán e outros lugares. Tamén as alternativas que se propoñen, sen considerar as vidas que pagarán por elas (de onde vai saír a electricidade, as baterías, o litio?). Imaxino que no "land of the free" tamén quedan agora atónitas as persoas co retroceso no dereito humano básico de decidir sobre o propio corpo.

E eu nunca sei onde está a sorpresa pois o que si teño claro é que segue habendo corpos que importan e corpos desbotables. E que mentres non atopemos a conexión entre o noso consumo e apatía política e esa realidade, as atrocidades non se deterán. Tamén constato cada día que é a mentalidade colonial a que fai que, á hora de buscar solucións, a nosa ollada se dirixa a certos lugares e non a outros, porque se queremos saber algo de como se conseguiu o aborto como dereito internacional e como se sacha dende a sociedade civil temos que mirar cara ao sur (penso, por exemplo, nas Filipinas). É tempo de pensar na dignidade de todos os corpos e, sobre todo, de actuar en consecuencia.

Comentarios