Opinión

Convencións

Acabamos de celebrar o Día das Letras Galegas, este ano con incidencia no tema da norma por ser o día dedicado a Carvalho Calero. Creo que se algo quedou de manifesto tras o (confinado) exercicio, é que a norma é unha convención que pode alterarse, que as decisións que se toman ao respecto parten dunhas bases e teñen unhas consecuencias. Así, unha norma reintegrada co portugués ten a vantaxe de inserirnos nunha lingua hexemónica, mentres que a norma RAG ten a vantaxe de manternos como pobo definido cunha historia cultural propia. O problema da lingua galega, creo que ambas as partes deben telo claro, non ten tanto que ver coa(s) norma(s) como coa sociolingüística e coa “política lingüística” (ou carencia dela).

Mais lembrar que a lingua é unha convención é unha tarefa certamente necesaria en todo momento, sobre todo cando aplicamos enfoques críticos cos poderes dominantes. Porque non todas as convencións teñen as mesmas consecuencias. Algunhas, coma o hábito de usar o masculino como equivalente a todas as persoas, escurece que o mundo non está só habitado por homes; leva a fenómenos de confusión de identidade e inferiorización de mulleres e nenas, tamén nas persoas que non se identifican con ningún dos xéneros; pon as bases para un sistema de opresión que o alimenta e que retroalimenta. Nesta altura, usar o feminino xenérico, como fai este xornal, implica facer visible, precisamente, que a lingua son acordos. E que se poden tomar outros.

Tamén, que considerar o galego un sistema lingüístico independente é o que polo de agora permite que, fronte as convencións das linguas próximas, a nosa Real Academia -patriarcal e todo como tende a ser- non adopte unha actitude belixerante contra a linguaxe inclusiva. Ou que contemos co único xornal que coñezo de tipo xeneralista nas linguas romances, que utiliza o feminino como xenérico.

Por influencia doutras hexemonías, por veces esquecemos que as linguas que temos a fortuna de contar con xéneros gramaticais optamos a unha maior capacidade de concreción na expresión. Só fai falla un chisco de vontade e de creatividade para que esta fortuna non se converta en maldición. E semella que, no caso do galego, produto dun traballo incesante e da presenza sen pausa das feministas nos movementos sociais e nos movementos nacionalistas de todo tipo, as convencións vanse tomando cada vez menos polo lado convencional e cada vez máis polo da xustiza.

Comentarios