Opinión

O contrario do odio non é o amor

No seu Quando grupos vulneráveis são feridos publicado en Através, Xoán-Antón Pérez Lema define os delitos de odio como aqueles “motivado[s] por um preconceito relativo a uma característica específica da pessoa que representa uma condição ou qualidade substancial da identidade do grupo a que pertence” (2020, 9). Nese sentido, para que un crime sexa de odio, o feito de que a persoa agredida ou asasinada sexa ou non o que os asasinos pensan que é resulta totalmente irrelevante: o factor definitorio é que estes consideran que pertence a un grupo particular.

No caso concreto do odio cara ás persoas LGBTQ+ cómpre facer análises máis profundas e partir tamén do entendemento e ferramentas que os feminismos fornecen en canto á estrutura de poder hexemónico nas sociedades. Como xa argumentei noutras ocasións, esas mensaxes ao redor dos dereitos LGBT+ centradas en “amar a quen se queira” resultan hoxe máis problemáticas ca nunca. Porque o problema que a sociedade machista cisheteropatriarcal ten coas persoas que superamos os xustillos de xénero, que os rachamos e rebordamos non é a quen amemos senón quen somos. Constituímos unha ameaza esencial á sociedade represiva, xerárquica, androcéntrica, racista, tránsfoba e homo/lesbófoba na que se basea directamente o seu privilexio. E por iso baten en nós. Baten en crianzas que non teñen nin idea de a quen “aman”, baten en mulleres que parecemos un chisco masculinas de máis e, por suposto, baten nos homes que teñen pluma, que son “efeminados”. Baten de forma sobranceira, como indica Elisa Coll en Resistencia Bisexual, nas persoas bisexuais (e intúo que nas non binarias) porque nos negamos a encaixar no patrón binario. Na cúspide de todo isto pretende seguir, inamovible, o home branco cisheterosexual. Ese que as feministas, antirracistas, queer levamos séculos botando do seu sitio na palabra e nos actos. Se realmente che preocupa o crime de Samuel Luiz, colle calquera anaco de privilexio que teñas, analízao e bate nel. Deixa de depilarte, deixa de mercar en “tendas de”, deixa de considerar que unha vaxina implica unha muller, deixa de obxectualizar a outras para o teu gozo sexual. É aí onde se destrúe o odio cara a nós. Porque o seu contrario non é o amor, senón a xustiza e o traballo político de desfacer o privilexio propio para crear unha sociedade na que todas as persoas poidamos ser sen medo e vivir sen violencia.

Comentarios