Opinión

Contra o ermo

Insisto moitas veces que, para min, a política máis importante é aquela que reside nos actos do día a día. Mais ese día a día precisa de unirse en esforzos colectivos para ser realmente transformador no eido institucional.

Porén, un ciclo e outro, comprobamos que son moitas as persoas que non votan. En Galicia, o índice de abstención é realmente alarmante e non é sorprendente, pois ao meu entender reflicte de maneira perfecta o ermo político ao que nos levaron as políticas do Partido Popular de xeito cada vez máis profundo. Non falo xa só do ermo económico, social, da desfeita do medio, dos servizos públicos, do desmantelamento das industrias, dos ataques contra a lingua... en xeral, do feito de que poder vivir en Galicia cunha mínima calidade de vida sexa cada vez misión máis imposible. Mais, dicía, non falo só diso; falo do ermo do estado de decepción permanente, de falta de ilusión, das ladaíñas de que tanto ten Xan coma Pericán.

Neste ermo, cadaquén ten os seus motivos para non votar; está na nosa man rebatelos con datos e alternativas, pero sobre todo con ilusión. Sobre todo nun contexto onde o debate sobre o común está limitado de xeito anómalo por diversas perversións, os actos de cada persoa teñen aínda máis importancia. Nun contexto onde temos limitada a capacidade de reunión pola pandemia do coronavirus e o alcance dos medios de comunicación pola pandemia da política clientelar do PP, cada unha de nós debemos ser unha semente a abrir fenda no ermo.

A desilusión cúrase traballando e amosando o que é posible. Demóstrase unindo forzas e argumentos para desmontar tantas mentiras como temos que soportar cada día dos altofalantes do Partido Popular. Mentiras que, como vimos co caso famoso de “el gallego se impone” son capaces de alterar a percepción real vivida (onde están as escolas esas onde se prohibe as crianzas falar en castelán? Aínda ninguén as viu).

Pois o ermo aparente e provocado agocha no seu interior moitísima vida. Alá onde miremos, hai persoas movéndose para defender a súa contorna, para traballar polos dereitos de todas. Na longa conversa que mantiven con Ana Pontón para elaborar o libro A semente, a árbore, a froita, unha das frases que máis me gustou dela foi sentirlle dicir que en Galicia ferven as iniciativas e que o que precisamos é un goberno que actúe de “acelerador”. Para chegar a el, cómpre que todas tornemos, agora máis que nunca, semente.

Comentarios