Opinión

O consumo da dor allea

Hai xa ben tempo que dende as teorías feministas se fala con insistencia do coidado ás vítimas e superviventes de violencia de xénero. Tamén en canto ao relato que ao redor desta se constrúe, dende desfacer a imaxe da "boa vítima" ata a autonomía que as mulleres e crianzas deben ter á hora de reconstruír a súa propia vida sen o xuízo permanente. Hai un aspecto disto que dende hai tempo se reflexiona e que ten que ver con como a intersección entre o capitalismo e o patriarcado leva a un interese constante na dor como produto. Aliméntase de diferentes maneiras: escoitar "o relato da vítima" para levar as mans á cabeza, para sentirnos seguras na nosa casiña vendo as atrocidades que lles acontecen a outras, para sinalar co dedo racista e colonial aqueles lugares onde as cousas son "peores". Un xénero especialmente dado a este tipo de traballo capitalista é o documental.

Dende sempre teño especial aversión a dous tipos de produtos audiovisuais: os documentais de viaxes (sempre exóticas e sempre producidas para o ollo occidental, pois contar dende dentro non vende) e os de asasinatos. O morbo é un sentimento que me parece nocivo e conducente a esquecer que, cando non se trata de ficción, estamos falando de persoas que pasaron por experiencias atroces e que merecen outro tipo de respecto. Non me interesan nin os documentais do "caso Wanninkhof", nin das "niñas de Alcàsser", nin nada que non saia do interese das propias vítimas e superviventes en contar por si mesmas o que consideran axeitado contar (por exemplo, a docuserie de Rocío Carrasco). Todo o demais sobra. Temos, por fortuna, moitas análises feitas dende os feminismos que, a través da lectura -un medio, por certo, de seu con máis potencial para a empatía e a reflexión-, nos axudan a entender e fuxir do morbo.

Xa non digamos cando as "producións" se fan en contra dos desexos das propias superviventes, como comentaba en redes a semana pasada Rocío Viéitez, a mai das dúas meniñas asasinadas hai sete anos polo proxenitor. Ignoro que impulso noxento pode levar a pasar por enriba do desexo da persoa á quen máis a dor consome, simplemente para que esa dor sexa consumida por outras persoas. Os cartos, tal vez? Un afán confuso de mal "xornalismo"? Sexa o que sexa, nada xustificable, humano nin empático. Nada feminista nin crítico. Ante o afán de producir (dor), na nosa man o acto minimamente reparador de non consumila.

Comentarios