Opinión

Chegar tarde

Hai anos camiñaba polas rúas de Compostela como intérprete dunha coñecida xornalista estadounidense; connosco ía un adolescente que insistía en explicarlle a aquela foránea que aquí, a comparación cos Estados Unidos, con iso que nos meten todos os días polos ollos os medios de comunicación, as series, os libros, os videoxogos, as películas nunca pasaba nada.

Pairaba no seu comentario esa idea de que aquí sempre chegamos tarde a todo. Que sempre temos este ou aquel furado cultural por cubrir; un furado aparente só cando nos medimos contra outras cousas que se nos presentan como completas. 

A min todos estes tics sempre me suscitan a sospeita de que se cadra nese sentimento de chegar tarde esquecemos cal é o fuso horario propio: que é o que a nós nos interesa contar? Cando superamos o noso nivel de hipercrítica interna resulta que nos decatamos de que calquera recital ou festival poético organizado aquí non ten nada que envexar aos que se organizan en Nova York (moitos que nin sequera remuneran as poetas) ou en Múnic. Que o noso teatro está ao nivel artístico de Londres en canto deixa de intentar reproducir Shakespeare a todas horas e mira para as historias que nos son propias. Iso si, con moitos menos cartos e visibilidade.

Estes días, vendo o esclarecedor vídeo que Ola Son Mario fixo analizando os contidos “en” galego na rede social Tik Tok, matinaba nisto. Sen dúbida, todo o que aí aparecía era de primeiro de colonización, cunha representación exotizante de adolescentes que obviamente non viven a súa cotidianeidade en galego, non teñen na nosa lingua os seus referentes. E se ben esta é unha catástrofe colectiva con responsables moi concretos, a min tamén me incitaba a pensar que se cadra as adolescentes galegofantes están máis ocupadas co Proxecto Rebinxe ou facendo booktrailers de libros en galego ca no Tik Tok, sen negar que todos os espazos son importantes.

Se cadra a cuestión non é que cheguemos tarde ás cousas, é que estamos ocupadas con outras. E isto, sen eximir de responsabilidades a quen as ten, se cadra debería ser o foco da nosa atención. Porque analizar a mala herba é necesario, pero non ten sentido se non alimentamos a quen sementa.

Ao final, citando unha fonte de inspiración inesgotable que son os carteis que hai en Tamil Nadu polas estradas para dar sabias advertencias, escritos por artistas do verso: máis vale tarde na [nosa] terra que cedo no ceo [alleo].

Comentarios