Opinión

Catorce anos de traballo

Hai xa máis dunha década, pode que preto dos catorce anos que agora se celebran, que, non sei moi ben como, chegou a min a noticia de que un grupo de mulleres novas estaban organizando unha asociación de mulleres lesbianas e bisexuais en Vigo. Achegueime á cea de encontro e foi aí onde coñecín por primeira vez a Nós Mesmas. Dende entón e nos catorce anos que agora celebran son moitas as veces que cruzamos camiños. Dende acompañalas na lectura dalgún manifesto do Orgullo ata a participación en recitais de poesía ata as colaboracións con Implicadas no Desenvolvemento ou en presentacións de libros meus, sempre unha man tendida.

A súa presenza cambiou de xeito radical a faciana da cidade de Vigo para as mulleres mozas, maiores e as que están polo medio. Dende as actividades de lecer ata o apoio ás familias diversas e o activismo incesante nos centros de ensino, o seu labor tranquilo, transinclusivo e imposible de desalentar, mesmo cun Concello nunca colaborador e sempre experto en poñer atrancos, constitúe un referente para moitas.

En momentos nos que moitas organizacións feministas e LGBT se preguntan como reparar as fendas, como desenvolver traballos vizosos en común, Nós Mesmas leva anos dando unha resposta polos feitos. E iso ten, neste momento máis ca nunca, un valor incalculable, porque nos dá un referente propio de escoita activa, de traballo de base e en conexión, dende a empatía e as redes, que precisamos perentoriamente.

E por suposto que habería cousas que no seu momento provocaron conflitos e, na súa resolución, debates, acordos e decisións. No traballo colectivo poderemos equivocarnos moitas veces, mais como ben nos di a sabedoría popular, só quen nada fai nunca se equivoca. Sen dúbida, o futuro deparará novos desafíos para o traballo das que veñen atrás de nós, mais este momento de celebración é tamén un momento para reflexionar sobre os esforzos. Como persoa que leva moitas décadas no mundo diso que chaman "o voluntariado" e "o asociacionismo" sei en carne propia que ningunha iniciativa se move sen esforzos e por veces enormes sacrificios de tempo e de vida dunhas cantas persoas. Fronte a quen senta no seu casulo ou fronte a quen só levanta a voz cando lle vai un anaco de comodidade no asunto, as persoas que integran e sobre todo as que dirixen e coordinan organizacións de xeito voluntario merecen unha valoración especial. Parabéns, Nós Mesmas.

Comentarios