Opinión

Baixa autoestima colectiva

Un ano máis as cidadás de Vigo volvemos ao tempo no que certas zonas da cidade quedan fóra do noso alcance. As enxurradas humanas, o incesante bruar das panxoliñas e, como non, AS LUCES, fan que a vida no centro da cidade sexa intransitable. 

Semella, iso si, que as luces tapan as desfeitas que son ben coñecidas: falta de atención aos sectores máis desfavorecidos da cidade, falta de apoio real aos negocios e os barrios, xa do uso e promoción da lingua galega non digo nada. O feito de que o alcalde e a cidade saian en todos os medios esbardallando en inglés de montaña e comunicándose con estacións espaciais obviamente receptivas a marcianadas xa abonda para moitas. De todo este dispendio sen xeito dende o punto de vista ecolóxico, social e humano, o que máis me sorprende sempre é ese certo orgullo refundado por Caballero en grandes seccións da cidadanía viguesa, que se deixa levar polo delirio luminoso do alcalde.

En realidade, este novo “orgullo vigués” de miras pequenas, castelanizado e de fachada lembra un outro rexedor recente desoutra cidade galega atlántica do Norte. E, no fondo, semella ser un indicativo da falta de autoestima colectiva da cidade porque se non, non se entende que unha urbe que está ao pé dunha ría abraiante, con espazos naturais e urbanos sen par, teña que traer miles de LEDS para “poñela no mapa”. Vigo, por sorte, xa estaba no mapa antes e con sorte seguirá estando logo. Nela atopamos a historia dunha clase obreira resistente, tamén das iniciativas industrias de diversa índole, do avance dos dereitos das mulleres, a cerna da edición en galego, as salinas romanas, a Industriosa, os barrios singulares, dende Lavadores ao Berbés pasando polas Travesas-Coia ou Teis. Como luguesa de nacemento e viguesa de adopción creo que a baixa autoestima da cidade ten moito que ver coa imaxe (para min insólita) que durante moito tempo se tivo no resto de Galicia de Vigo. Unha cidade “fea”, algo que aínda hoxe escoito con certa frecuencia para sorpresa miña e de persoas que a visitan de fóra. 

Se cadra con poñer en valor o que xa hai, mirar un chisquiño por non facer desfeitas (como talar árbores ou facer túneles en zonas históricas) non facía falta tanta luz e a xente de Vigo atoparía na súa historia a singularidade suficiente para saír en todos os medios de comunicación e andar polo mundo co legado tan importante que Vigo ten para quen habitamos aquí.

Comentarios