domingo 17/01/21

As vidas que contan

Os diferentes sistemas de opresión son expertos en usar as cifras para o seu interese. Resulta indignante que, a estas alturas, xornalistas como Miguel Anxo Murado caian na trampa de branquiExplicarnos que as persoas negras en EEUU están na cadea porque cometen máis delitos, interactúan máis coa policía e por iso son asasinadas en maior número. Nin unha palabra do vínculo entre discriminación e “delincuencia” (non leu Murado a Concepción Arenal?), racismo e saúde mental, opresión sistemática e violencia.

Unha parte fundamental do racismo é, precisamente, que persoas brancas nos expliquen que non é para tanto a cousa, que impidamos a autorrepresentación das persoas racializadas de forma sistemática. Non vaia ser que se escoitamos nos decatemos das nosas complicidades.

Alén do artigo, ver as reaccións de xente de todo o mundo mobilizada co Black Lives Matter déixame sempre algo descolocada. Semella que só o que acontece nos Estados Unidos conta; sospeito que, nesta caso particular, a historia interesa porque serve de escusa para non afrontar o noso propio sistema. Pois alguén se parou a analizar aquí o racismo e as intervencións policiais? As activistas racializadas falan a miúdo disto e non vexo as mobilizacións e os artigos na prensa. Sen ir máis lonxe, abonda con mirar o número desproporcionado de homes e mulleres xitanas que encerran os nosos cárceres, co trato que as persoas afrodescendentes reciben aquí, co xeito en que, botando a ollada sempre cara a migración galega, rexeitamos analizar como tratamos as persoas migrantes. E non falo de relatos inventados de países “acolledores”. Falo de escoitalas a elas, de ver cantas burelás de orixe caboverdiana chegaron á universidade, cantas mozas de orixe magrebí ou etíope ocupan as nosas pantallas (de todo tipo). E, sobre todo, explicar as cifras; analizar as causas, que sen dúbida pasan por analizarnos a nós, as persoas brancas que construímos o sistema racista e xustificamos cada día a explotación coa representación que facemos das nosas Outras.

Pois non abonda dicir que en Galicia “estas cousas” non son problema porque a porcentaxe da poboación racializada é pequena. Non son as porcentaxes o que deberían importarnos, senón os dereitos de cada persoa e a necesidade urxente de mudar a estrutura. Esa para a cal, para todo o importante, as únicas que contamos, para interese e beneficio propio, seguimos sendo as brancas.

comentarios