Opinión

As cousas polo seu nome

O domingo pasado celebrouse o Día da visibilidade lésbica e a data cadrou no tempo coa agresión en redes sociais á activista Ana Ojea, o cal veu deixar patente como só as persoas que nunca foron marcadas como a Outra poden crer a ficción de que vivimos xa nun mundo en que denominarse lesbiana é un acto gratuíto e irrelevante máis.

Obviamente, “lesbiana” non é un termo que defina exactamente quen somos, mais si indica o potencial dunha práctica política que non se adquire necesariamente só por deitarse con mulleres (obvia dicilo pero, por se acaso, engado: cis e trans). Se ben todas as mulleres que nos deitamos con mulleres sufrimos violencias de diversa índole, mesmo aquelas que renegan de tal condición e son incapaces de dicirse lesbianas (porque a violencia é moitas veces entender o teu desexo como un conflito, calar por medo tanxible a tantas cousas), a práctica política implica poñernos, como mulleres diversas, no centro. Implica definir o noso desexo e alianzas fóra dun sistema binario que nos inculca tradicionalmente o lugar da outra. Tamén rabuñar nos alicerces dos papeis de xénero, dos corpos, das estruturas familiares e coloniais, dos relatos de glamur capitalista do “L Word”.

É algo triste que co gallo da “visibilidade” se acabe caendo niso que chamamos o pinkwashing, o consumo (de corpos, de vidas, de conceptos) superficial para reclamar os mesmos “dereitos” para explotar ca as persoas heterosexuais. Confeso que todo iso, ademais de darme moita preguiza, me parece perder a oportunidade que a nosa posición excéntrica nos ofrece para repensar o mundo, non só con quen nos metemos na cama (que obviamente é político tamén). Esa superficialidade dos enfoques fai que de cando en vez observe con certa estupefacción como nalgúns espazos de lesbianas se lles dá papeis protagonistas a mulleres que endexamais se significaron porque sabemos que dicirse lesbiana implica ser incómoda para os señores que distribúen as cartas na maioría das mesas. Porque marcarse como disidente sexual non é unha “escolla persoal” e moito menos un gueto, é fundamental para rachar as estruturas que nos maltratan cada día. Ser visibles é lembrarlles a todas aquelas mozas que estes días fican confinadas en ambientes hostís por ser lesbianas que non están soas. Que estamos aquí agardando por elas, en pé, coas palabras e as mans, para construírmos xuntas un mundo habitable para todas.

Comentarios