Opinión

Aquí e acolá

Hoxe que outra muller é asasinada en Galicia, non podo evitar pensar nas miñas compañeiras paquistanís. 

A finais do ano pasado tiven a sorte de poder volver pasar un certo tempo en Paquistán coas mulleres dos grupos de axuda mutua. Anteriormente estiveramos traballando xuntas no desenvolvemento dun módulo de formación sobre xénero que o que buscaba era poñer en marcha procesos de reflexión sobre, entre outras cousas, o horror do día a día. Foron moitas as aprendizaxes e os afectos, moitas as cousas que trouxen de volta comigo e que me impulsan a querer regresar. 

"Ese imaxinario é o que fai que cada vez sexan menos as ordes de afastamento concedidas, porque non vaia ser que se cometa “unha inxustiza” contra o pobre home sempre presunto que alega que a muller que está inconsciente no hospital estao porque lle bateron uns ladróns"

Hoxe que outra muller é asasinada en Galicia, non podo evitar pensar nas miñas compañeiras paquistanís. Nunha das comunidades nas que estiven, un home matara unha muller, unha adolescente. A mai fora á comisaría denunciar e o policía mandouna para á casa sen rexistrar a denuncia de asasinato. Esta muller, coa dor do corpo da súa filla ás costas e coas reflexións previas e colectivas da formación, decidiu non quedar parada. Falou e mobilizou as demais mulleres, que en seguida comezaron unha manifestación sen precedentes, unha sentada diante do club de prensa do distrito para que se soubese o que pasaba. Non lles importaron os homes que lles dicían que marchasen para a casa, nin aquelas persoas que as insultaban. Elas querían xustiza. E conseguírona empezando pola destitución do policía que se negou a rexistrar a denuncia.

Noutras ocasións teño escrito sobre a importancia de cambiar o imaxinario, ese que desacredita de forma sistemática as mulleres e dá a palabra de peso aos homes. Ese que se asenta en cousas que as feministas repetimos ata quedar roucas e que as mesmas persoas benintencionadas que se escandalizan cos asasinatos (e aínda estas son ben poucas) adoitan desbotar como esaxeracións e toleadas de forma sistemática. Por exemplo, o feito de que os homes estean sempre no centro do relato, que sexan os referentes de todas as actividades e saberes “importantes”, que as mulleres sexamos sinaladas en todo momento como secundarias, marxinais, esaxeradas, ideolóxicas.

Nese discurso se asenta que un policía acabe mandando á casa a unha muller sen rexistrar a denuncia ou, mesmo rexistrándoa, faga pouco seguimento posterior do acontecido. Ese imaxinario é o que fai que cada vez sexan menos as ordes de afastamento concedidas, porque non vaia ser que se cometa “unha inxustiza” contra o pobre home sempre presunto que alega que a muller que está inconsciente no hospital estao porque lle bateron uns ladróns. Ninguén pensa no dereito que debería ser superior de protección da vítima ata que se esclarezan os feitos, mesmo en casos de abusos sexuais a menores onde a xustiza obriga ás mais a entregar a fillas e fillos a pais que logo se demostra que abusaron sexualmente destas, non vaia ser que se infrinxa o dereito do pai.

"É hora xa de que moitas sexamos TODAS e empecemos por esixir as responsabilidades do asasinato da nosa veciña de Ourense".

Penso nas compañeiras paquistanís, penso se nós imos ser quen de seguir o seu exemplo e comezar a mobilizarnos en masa, todas unidas, para cambiar o imaxinario e para que se esixan as responsabilidades que se teñen nos casos en que a xustiza ten a man manchada de sangue tamén. Penso nas compañeiras indias, capaces de unirse coma unha única voz para cambiar a súa lexislación, un país por certo onde as mulleres poden acceder a comisarías de mulleres para casos de violencia de xénero (e non só).

A miña ira ante o corpo doutra muller asasinada éo tamén ante a nosa incapacidade para aprender das que saben, levadas sempre pola educación paternalista e colonial que nos fai pensar que as mulleres “deses países” están “moi mal” (ou polo menos peor). Mais elas, mesmo na invisibilidade dos nosos medios, móvense, cambian, transforman, conscientes do que hai e non enganadas polo discurso dunha suposta igualdade, que é aquí tamén o que nos mata. Tan próximas a nós en tantas cousas, as miñas compañeiras de Paquistán seguen agora loitando para que a morte non se poidan compensar cunha indemnización. Aquí, en Compostela, esta semana saíu condenado un agresor sexual a menores cunha multa de 400 euros porque semella que os danos que fixo ás nenas non eran de suficiente entidade como para afastalo da docencia e tomar outro tipo de medidas.

É hora de aprender e darnos a man. Mentres as agrupacións políticas fan “xestos”, ou crean “seccións” debemos de ser nosoutras, as cidadás, as que, sen fisuras, comecemos a poñer o interese e o noso corpo, sen tregua, en todas as manifestacións do sexismo. Moitas hai tempo que comezamos, que nos unimos e que berramos. É hora xa de que moitas sexamos TODAS e empecemos por esixir as responsabilidades do asasinato da nosa veciña de Ourense. Porque igual que as mulleres non morremos, mátannos, tamén as cousas non van cambiar por si soas, cómpre que nos movamos para cambialas. Aquí e en Paquistán. Pero polo menos alá téñeno máis claro. 

Comentarios