Opinión

Antes e despois

Acaba de pasar o 25N e recibimos a nova dunha veciña de Lugo, do meu barrio, asasinada. A dor e a ira polas trivializacións e por un machismo que se difunde sen barreiras por todo tipo de medios fúndese agora coa dor e a ira concreta dunha vítima máis. Sobre esa dor e esa ira non hai broma que valla (se queredes facer bromas, rídevos da vosa masculinidade) nin liberdade que xustifique a normalización de comportamentos que dá man aos asasinos. A normalización da violencia de xénero e sexual como algo divertido, trivial e no que as vítimas somos corpos desmembrados sen nome arrepíame de sempre.

Neste contexto, para alén da lamentable campaña da Xunta, pasou máis desapercibida a intervención dun certo escritor no programa Galicia por Diante para describir, entre música truculenta, risas e comentarios "xocosos" (como que el "defende a paridade a morte. Escritoras e escritores deben matar por igual" ou que "se escribir non se vos dá moito, tedes un nicho de mercado no de asasinar"), casos de escritores que asasinaron mulleres. Dende o filósofo Althusser a un "oriental" que desmembrou unha moza porque non quixo manter relacións sexuais con el, tanto contido como forma resultan intolerables. Mentres, nas rúas, dabamos o contradiscurso.

Para a compañeira asasinada esta fin de semana, para as asasinadas por homes respectados e que se apoian nun aparato discursivo do que tamén forman parte as "novelas de crimes", este tipo de "intervencións" provocan un dano irreversible. Sen discusións. E coidado con inverter o papel de vítima, que a vítima aquí non é quen ri das asasinadas. E coidado con falar de liberdade de expresión nun medio coma a Radio Galega, que esa si que era boa!

Pois un colaborador dun programa pode vir con calquera proposta irresponsable -como mínimo-, pero que se acepte e se emita o 25N é responsabilidade dun ente público que maltrata o seu persoal e a súa audiencia, agravando situacións sociais tremendas e nas que a representación (faría unha escritora este contido con esa óptica de risa e intriga?), o neomachismo (agardemos agora o laio do escritor ao que xa estamos habituadas ante o cal insisto: as asasinadas non teñen xa nin liberdade nin expresión) e a falta absoluta de sensibilidade nos acaban atrapando ás mulleres, ás ficcionais e ás reais, na roda incesante da violencia. Merecemos, como mulleres e como sociedade, un antes e un despois ben diferente.

Comentarios