Opinión

Ánimo que podes!

Este pasado domingo tiven a sorte de retomar, no marco da SELIC, o contacto coa cativada lectora. Son este tipo de espazos os que moitas veces axudan a tirar sentido do que facemos aquelas que nos dedicamos á escrita de literatura infantil e xuvenil. Porque se algo nos debeu ensinar a Covid é que o encontro é, en si mesmo, un valor. En calquera centro ou contexto, mesmo naqueles (contados e agardemos que cada vez menos) en que o profesorado nin se digna en presentar a persoa convidada, ou onde está claro que o único que lles interesa é cubrir unha hora con algún contido para algún programa ou efeméride, sempre a rapazada fai algo memorable. Cada franxa de idade ten as súas características e debo admitir que o paso ben tanto con aqueles grupos de menor idade e as súas ocorrencias como con adolescentes que buscan ampliar o mundo que habitamos.

Nesta primeira xeira da era poscovid, o grupo era pequeniño por motivos obvios de capacidade, mais non por iso menos participativo. Alá sentaban nenas e nenos de idades dende pequenas a medianas, coas súas máscaras, respectando as distancias de seguridade, cun entendemento básico de que as normas non son un capricho, senón un xeito de garantir a convivencia e, nestes momentos, a saúde de todas. Sabendo o importante que é o contacto físico a certas idades, a ledicia das apertas, a necesidade de tocalo todo, a súa participación divertida, empática e en todo momento presente contrastábame de forma aguda e desagradable coa de tantas persoas adultas que semellan ter problemas inenarrables para adoptar unhas básicas normas. Que só nos piden poñer unha máscara, non quero pensar se tivésemos que dar un ril!

Está claro que se un grupo de crianzas de curta idade pode comprender que hai outros xeitos de participar das actividades, de divertirse coa lectura, de estar en sociedade, se cadra todos eses adultos maleducados e irrespectuosos poden tamén. Porque, digo eu, ninguén morreu por contar un conto con máscara, se iso é o que se nos pide (que nin sequera foi o noso caso porque había espazo para respectar as distancias mentres falabamos). Mais si morreu moita xente por pensar que o seu cu é máis sensible ca o do resto, por poñerse a si mesmos por diante das demais. Eu quedo coas nenas e nenos que rin, aplauden e falan facendo de calquera distancia só unha anécdota. Porque se elas poden, se cadra tamén hai esperanza para os incorrixibles.

Comentarios