Opinión

Anécdotas

Dun tempo a esta parte abráiame a lixeireza con que certas persoas tratan o tema da diversidade sexual e de xénero. Para algunhas é un mero tema de debate. Para outras, unha moda que lles acae para escribir a súa noveliña ou facer a súa película sen entender nada. Para algunhas máis, unha moda que agardan que axiña pase. Hai xente que pensa que falar da diversidade sexual, como dicía unha certa crítica literaria hai uns anos, é algo passé. É, mesmo, un chisco de mal gusto, un chisco innecesario. É algo que, como suxeitos heterosexuais e/ou cisxénero, parece non tocar a súa vida se non é de xeito anecdótico.

Mais nosoutras non somos anécdota. Non somos tema de conversación. Non somos a aliciente da noveliña ou da película. Non somos unha moda. Somos persoas de carne e óso que camiñamos cada día por campos de minas mentres outras cacarexan de modo activo ou pasivo as realidades paralelas que constrúen a cisheteronormatividade. No medio das súas “opinións”, nosoutras seguimos sachando, organizándonos, apoiando, berrando.

A vida de ningunha de nós é unha anécdota, tampouco a de Nerea A.B. e quen a quería. Esta moza de 17 anos ocupou na súa curta vida toda a incomodidade dunha das letras dese arco da vella, o B. Dela falaron, comentaron, dixeron. Mais facer... pouco.

As persoas bisexuais (e bi vén de atracción polo mesmo xénero ou por calquera outro diferente, non ten que ver co binarismo do patriarcado) padecemos violencias da sociedade heterosexual e tamén do colectivo de gais e lesbianas. A miúdo, non se nos considera “lesbianas abondo”, somos excluídas de debates coma se a nosa alteridade se diluíse no momento en que temos parellas do xénero que segundo a heterosexualidade obrigatoria nos corresponde. A miúdo escoitamos que o noso é “unha fase”. Navegar a nosa identidade no día a día é complexo, suporpóñense unha serie de silencios que fan que esteamos todo o día berrando. Ata que cansamos. Ata que quedamos sen voz. Ata que non podemos máis.

Ata que chega o momento en que a anécdota se vira dor pura da que emana unha carraxe colectiva que por forza ten que axudarnos a poñer o dedo acusador do lado de quen crea a violencia. Porque mentres se fale destas cuestións como debate, moda ou anécdota, como sociedade estaremos facendo algo mal. Porque as nosas vidas non son anécdotas, son un clamor por unha sociedade máis xusta na que Nerea e as mozas coma ela poidan, simplemente, ser.

Comentarios