Opinión

Análises finas

Cada vez que no noso día a día facemos afirmacións que dan a entender que só as persoas que teñen certas características físicas poden ser homes ou mulleres estamos reafirmando unha estrutura de violencia que nos afecta a todas. Son unha morea de comentarios triviais a cada paso os que logo reafirman as divisións de xénero en dúas categorías únicas e asignan a cada unha delas unha serie de características físicas e mesmo emocionais.

Se ben aínda precisamos da categoría do xénero para entender a realidade que nos rodea, cómpre ter coidado co uso que facemos dela. Sen dúbida, precisamos aínda falar de homes e mulleres como grupos socialmente construídos para entender que esas supostas divisións non son accidentais e implican sistemas de poder nos que unha das partes (as mulleres, e dentro delas as atravesadas por diferentes eixos de opresión) sempre está en situación de opresión sistémica fronte á outra. Que homes e mulleres particulares logo teñan outras circunstancias non invalida a estrutura. Dende esta lóxica, son precisamente aquelas persoas que saen ou poñen en cuestión este binarismo as que teñen unha maior vulnerabilidade.

Só dende estas premisas podemos entender que a violencia de un home tirar unha muller dende a muralla de Lugo por ser ela trans require dunha análise máis fina dos marcos de protección que esiximos na violencia de xénero. Así, mentres que debemos seguir avanzando en análises máis complexas de homes e mulleres como grupos sociais para entender as desigualdades que se dan e avanzar tamén en debullar as desigualdades internas neses grupos, debemos traballar simultaneamente en desfacer as caixas que encerran as persoas en certas características. 

Para empezar, cómpre reforzar a seguridade xurídica de todas as persoas (pensemos cantas veces precisamos indicar quen somos para todo tipo de cousas nimias) e tamén a seguridade física de andar pola rúa sen que ninguén nos bata na cara por non entrar nas características da categoría que corresponde. E para iso cómpre intensificar o traballo de denuncia e sensibilización en todos os espazos da vida e que non quede só en mans de activistas, senón que estea institucionalizado, de xeito que permita mobilizar a sociedade contra estas estruturas. Os resultados de non facelo témolos, por desgraza, cada día nos xornais e aínda máis nas vidas de tantas persoas que só reclaman o seu dereito a existir e vivir en paz.

Comentarios