mércores 22.01.2020

Por se alguén tiña algunha dúbida

Este venres comezou un camiño de retroceso que non vou perder o tempo en sintetizar porque creo que dende entón foron xa moitas as voces atinadas, dende a OMS a Beatriz Gimeno pasando por Suso de Toro e María Xosé Queizán, que puxeron unha pinga de sentido ao obstinado esforzo do Partido Popular de devolver o estado español á súa -para eles- época máis gloriosa: a das catacumbas. Esa ou a de Isabel a Católica, como amosa o revival patrioteiro televisivo que moi acorde con ese proxecto nos invade en diversas modalidades.

Este venres comezou un camiño de retroceso que non vou perder o tempo en sintetizar porque creo que dende entón foron xa moitas as voces atinadas, dende a OMS a Beatriz Gimeno pasando por Suso de Toro e María Xosé Queizán, que puxeron unha pinga de sentido ao obstinado esforzo do Partido Popular de devolver o estado español á súa -para eles- época máis gloriosa: a das catacumbas. Esa ou a de Isabel a Católica, como amosa o revival patrioteiro televisivo que moi acorde con ese proxecto nos invade en diversas modalidades.

"Sen dúbida a lección máis importante desta lei é que as mulleres non somos donas de nós. Somos cidadás de segunda, inmaduras, «vítimas» e en calquera caso incapaces".

Non vou afondar no que vai significar a lei do aborto para as vidas de todas as mulleres (e dalgúns homes que tamén se verán na obriga de ser pais, se ben as obrigas neste caso son moito máis difusas legalmente) porque é evidente para calquera. Máis ben quero afondar nas raíces deste sen sentido do que custa tirar algo de xeito entre a rabia e a incredulidade (por moito que nos tivesen «avisadas» dende había tempo). Sen dúbida a lección máis importante desta lei é que as mulleres non somos donas de nós. Somos cidadás de segunda, inmaduras, «vítimas» e en calquera caso incapaces. Son os homes os que deciden non só a lei senón tamén como se vai executar. Os que deciden se pariremos ou non, un acto que, ata que non haxa un avance científico sen precedente, lles queda absolutamente alleo.

Está demostrado que a lei do aborto que quere aprobar o PP non amosa o sentir da maioría social, pero hai que prestar atención ao discurso subxacente porque ese si segue vivo en cada paso do camiño, é o que fai que non haxa unha revolución auténtica nas rúas por esta cuestión e que mesmo uns iluminados se visen agraviados en Vigo porque no canto de facer un flashmob se viron interrompidos pola manifestación das que reclamabamos o noso dereito a ser cidadás. 

Porque o certo é, por moito que nos queiran facer crer o contrario, tachándonos a miúdo de paranoicas, esaxeradas ou malpensadas, que vivimos nunha sociedade onde o pensamento, as ideas, as voces, os corpos e finalmente as vidas das mulleres non valen un peso. A base desta lei está na acumulación de cousas que aceptamos como «normais» no cotián tanto individual como colectivo. Son moitas as maneiras no privado nas que moitos homes seguen insistindo no discurso de «cala que ti diso non sabes». No espazo público, abonda con ver as «listas» e valoracións das mulleres en calquera campo do saber: ausentes, matizadas, sempre parciais e inferiores por defecto a calquera varón, algo que só algunhas tocadas pola vara -verga?- do altísimo son capaces de superar e entrar así nos olimpos deseñados só para os posuídores de pene, como as Reais Academias. 

"A ausencia das mulleres dos espazos de pensamento recoñecidos por toda a sociedade, dos lugares de toma de decisións, dos debates é unha parte fundamental do problema". 

Podemos seguir coa ausencia de mulleres nos postos de toma de decisións en calquera ámbito. As cifras son evidentes, as escusas dos señores, innumerables. Mais o certo é que vivimos en sociedades que de forma sistemática minusvaloran e desprezan ás mulleres (a menos que sexa para os fins do patriarcado, basicamente parir e compracer os desexos e necesidades dos homes patriarcais). Vivimos en sociedades que, parafraseando a Stieg Larsson, non aman as mulleres e que ademais fan que as mulleres se detesten entre si. Miremos cara a onde miremos (cine, literatura, xornalismo, política, deportes...), o mundo está cheo de (certos) homes, das súas opinións, das súas prioridades, das súas necesidades.

Abonda con acender a televisión para ver que valores se agardan de nosoutras, que nivel de pasividade, que nivel de complicidade cos intereses dos homes patriarcais. A tolerancia ante aqueles señores que pensan que son os nosos donos non coñece límites. Dende os que xustifican que un home bata na súa parella (que se as denuncias son falsas, que si tamén hai homes «maltratados»... etc) ata aqueles que pensan que deberiamos de calar ao respecto non vaia ser que os que non pegan se ofendan, pasando polos que reclaman a custodia compartida como un dereito cando en xeral (demóstrao o CIS en menos dun minuto) o único que buscan é perpetuar privilexios (sobre as crianzas e sobre todo sobre as mulleres que as pariron) e non as obrigas. Quen compartiu as obrigas rara vez precisa dun xuíz ou xuíza que llas outorgue. Demostrada fica tamén a cultura da violación, que de mil maneiras ensina aos homes dende pequenos que os corpos das mulleres son deles, por activa ou.. pola forza (xa se sabe que dicimos «non» cando queremos dicir «si»).

A insistencia permanente no aleccionamento ás mulleres como obxectos e como mais pode verse resumida de forma maxistral en calquera «Corazón, Corazón». Aí explicítase, mediante «mulleres exemplares» (esposas de, actrices adiñeiradas, modelos) a nosa obriga de deixar os traballos remunerados (que dende sempre se sabe que son para os homes) e atender ás crianzas, ás persoas maiores ou dependentes. E logo está a prostitución, tamén afectada por este goberno cos cambios no código penal que pretenden non considerar o tráfico de mulleres con fins sexuais como delito e facer dos proxenetas ilustres empresarios. A prostitución fica ao final do espectro da cidadanía de segunda clase, aféctanos a todas, porque o patriarcado nos constrúe a todas por igual ao servizo dos homes e é a mostra máis evidente de que o patriarcado busca inscribir ese estatus de posesión por dereito na mesma lei, como acontece no exemplo da do aborto. 

"Se as mulleres non podemos ser donas dos nosos corpos, como imos selo das experiencias, do coñecemento e da palabra?"

A ausencia das mulleres dos espazos de pensamento recoñecidos por toda a sociedade, dos lugares de toma de decisións, dos debates (abonda ver os televisivos ou de radio as mulleres que aparecen e para falar de que temas, mesmo en canles supostamente «alternativas» das que en Galicia apareceron algunhas recentemente) é unha parte fundamental do problema. Haberá a quen isto lle pareza irrelevante, pero seguramente se houbese un 50% de mulleres no parlamento, mesmo sendo do PP, esta lei do aborto non sería nin redactada, por moita complicidade que as mulleres deste partido (e non só) amosen coas prioridades patriarcais. Para demostralo, outra vez unha fonte de excepción: Sálvame Deluxe, no que o propio venres 20 de decembro de 2013, día do santo retroceso, o fillo de Isabel Pantoja declaraba que esta lle recomendara á súa filla embarazada con 17 anos abortar. O presentador preguntoulle: «Pero túa mai non é moi relixiosa?» E el contestou: «Si, pero para estas cousas, xa me entendes». Efectivamente, quédanos claro.

O que fica aínda por aclarar é durante canto tempo máis se vai seguir alimentando a raíz, durante canto tempo máis as mulleres teremos que tolerar ser tratadas como cachos de carne, como úteros, como imbéciles. Iso que a lei do aborto acaba de poñer en vías de legalización, pero que no fondo vivimos todos e cada un dos días. Empezando por cando denunciamos calquera tipo de sexismo, e seguramente este artigo non vaia ser excepción, e xa sae algún home a «corrixirnos», porque a nosa experiencia diaria rara vez se compara coa súa necesidade de non facer nada ao respecto do seu papel como homes na creación do patriarcado. Porque, por se alguén lle quedaba algunha dúbida, se as mulleres non podemos ser donas dos nosos corpos, como imos selo das experiencias, do coñecemento e da palabra?

Por se alguén tiña algunha dúbida
comentarios